Nota de prensa de la Federación Gallega de Ciclismo

Na proba decana do calendario autonómico o actual líder da Copa Galicia XCO confirmou o seu dominio. O elite Jorge Punzón (Cosmos) venceu este sábado na XIX edición do Gran Premio Concello de Cambre BTT. A cita celebrada na ‘catedral’ do cross country olímpico galego contou coa presenza de 129 bikers.

Ademais do gran triunfador da carreira raíña masculina, outros tres corredores que vestían a camisola de líderes das súas categorías impuxéronse na quinta proba puntuable para a Copa: Miguel Rodríguez (Ponteareas) nos cadetes, Andrea García (Academia Postal-Maceda) nas juniors e  Irene Trabazo (Marín) nas sub23. O cadro de gañadores completárono a cadete Laura Capa (Aleata-Farto), o júnior Xoel Montes (Avanza), o sub23 Estefan González (Burgas Bike Team), a elite Nuria Senra (Eskornabois), o máster-30 Iván Pereira (RSBike), o máster-40 Alejandro Trasbach (Racing Cycling) e o máster-50/60 Francisco Xavier López (MTC Team).

O sol acompañou aos participantes no mítico circuíto preparado polo Cambre-Renault Caeiro. Un percorrido que presentou unha limpeza extrema e un terreo seco e duro. Correndo na casa, Pablo Álvarez saíu a por todas e marchouse en solitario na primeira volta da competición elite e sub23. Por detrás, Jorge Punzón decidiu marcar un ritmo máis conservador sendo consciente de que era «unha carreira moi esixente e na que se acumula moito desnivel».

Rodando xunto ao sub23 Estefan González, o líder elite empezouse a achegar ao representante do conxunto anfitrión na terceira volta e no seguinte xiro o sub23 Álvarez sería neutralizado polos seus dous perseguidores. Punzón aproveitou ese intre para lanzar varios ataques, pero non logrou rachar a carreira ata despois de que soara a campá tras o penúltimo paso pola liña de meta.

«Na volta final marquei un ritmo máis alto tirando dende abaixo e conseguín abrir un oco duns cinco segundos nunha zona rápida co vento en contra. A partir de aí fun a tope», sinalou o porriñés do Cosmos. A emoción mantívose ata que Punzón ergueu os brazos con 34 segundos de marxe sobre González. Terceiro rematou Álvarez, a 1:18 do primeiro clasificado.

Trabazo, en solitario

No prato forte das categorías femininas Irene Trabazo non tivo excesivos problemas para sumar o triunfo. A sub23 do Marín distanciouse en máis de dez minutos das elites Nuria Senra e Diana Blanco (Barbanzabike), segunda e terceira respectivamente na táboa absoluta.

Os cambios de líderes no certame autonómico chegaron nun ranking de rapazas e noutro de rapaces. Laura Capa asaltou o primeiro posto nas cadetes e Roi Lopez (Compostelano) recuperou o mando no júnior. No resto continúan mandando Miguel Rodríguez nos cadetes, Andrea García nas juniors, Trabazo e Óscar Leira (Vara e Pedal) en sub23, Desiree Fernández (RSBike) e Punzón en elites, Rocío Blanco (A Forna) nas masters, Diego Rey (Tambre) nos máster-30, Marcos Mayo (Noela) nos máster-40, e Carlos Otero (BTT Fene) nos máster-50/60.

A Copa Galicia descansa agora tres semanas e regresará o 15 de xuño na localidade ourensá de Maceda. Neste evento resolveranse as clasificacións cadetes dado que a última proba puntuable para o resto de categorías, a do 7 de xullo en Poio, coincidirá cos Campionatos de España Escolares que se celebrarán na Comunidade Valenciana.

Comentarios