Punto para o Celta ante o Valladolid de Masip (0-0)

0

FICHA TÉCNICA

Real Valladolid 0-0 RC Celta

Aliñación Real Valladolid: Masio, Moyano, Joaquín, Salisu, Nacho Martínez, Óscar Plano, Alcaraz, Míchel, Toni Villa, Enes Ünal e Guardiola.

Aliñación RC Celta: Rubén, Kevin, Aidoo, Murillo, Araujo, Lucas Olaza, Rafinha, Okay, Fran Beltrán, Iago Aspas e Smolov.

Árbitro: Gil Manzano

Campo: Estadio Municipal José Zorrilla

ANÁLISE

As sensacións melloran paseniñamente, pero aínda lle queda por mellorar a este Celta. En Valladolid tivo máis presenza na portería rival e incluso Aspas fallou un penalti. Os locais estaban sufrindo ante os celestes que, na segunda metade, saíron a polo partido con máis enerxía.

Na primeira metade, o Celta comezou cunha defensa de cinco e co obxectivo de ter o balón. En cambio era o Valladolid o que estaba xerando máis perigo. Toni Villa estivo a piques de marcar despois de dous erros de Aidoo, pero Rubén conseguiu solventar cunha gran parada. A continuación, os pucelanos baixaron un pouco o ritmo e os vigueses foron capaces de aproximarse á porta de Masip. Olaza lanzou unha falta que parou o gardameta catalán.

No segundo tempo a proposta do Celta viuse máis clara. Estaban a controlar o partido e dispoñían de ocasións importantes. Iago Aspas rematou na frontal e parou Masip, Fran Beltrán disparou dentro da área e volveu deter o catalán. O culme foi o penalti a favor do Celta por man de Alcaraz. A pena máxima foi lanzada por Aspas, un lanzador sublime que volveuse atopar ante o gran día de Masip. No restante de encontro os celestes seguiron igual, só coa variación de Brais Méndez por Kevin (antes entrara ao terreo de xogo Denis por Smolov). É de destacar que Óscar García só realizou dous cambios dos cinco permitidos na nova normativa.

Mellorou a imaxe do equipo dende a derrota ante o Villarreal, pero segue a preocupar a escaseza de goles (dende o 22 de febreiro ante o Leganés). O domingo recibimos ao Alavés na casa, é o momento de gañar a outro rival próximo. O descenso está a dous puntos, aínda queda moito que loitar pola permanencia.

highlight_image

Fotografía: La Liga Santander