Publican o maior estudo feito en Galicia sobre a influencia da psicoloxía no deporte

Investigadores da USC e a UDC aplicaron un cuestionario a máis de 1.000 deportistas galegos para avaliar súas habilidades psicolóxicas.

0

Ata hai poucos anos, antes de que comezara a estenderse a figura do psicólogo deportivo, os problemas psicolóxicos que podían xurdir no deporte eran unha especie de tabú. Un problema que aínda persiste nalgúns casos. “Aínda existen moitos receos á hora de ter en consideración a figura do psicólogo e máis concretamente do psicólogo deportivo no ámbito profesional”, explica David Tomé, investigador da USC e autor principal do que é o maior estudo feito ata agora en Galicia para analizar a influencia da psicoloxía na práctica deportiva.

O receo cara os psicólogos persiste: “algúns deportistas non quixeron participar por ‘medo’ a ser avaliados”, sinalan

Sinala Tomé que ao desenvolver o estudo, que realizou un cuestionario con máis de 1.000 deportistas de 43 disciplinas diferentes, percibiron que os receos acerca da psicoloxía persisten: “No noso caso notámolo á hora da recoller os datos, algúns deportistas non quixeron participar por ‘medo’ a seren avaliados e estigmatizados”. Con todo, conseguiron unha ampla mostra que permite “extrapolar as conclusións do estudo á poboación diana, que é a dos deportistas en Galicia”, explica o investigador. Contactaron coas federacións deportivas e clubs de todas as disciplinas para chegar a todos os deportistas posibles baixo dous requisitos: “ser maiores de idade e ter licenza federativa no momento que se recolleron os datos”.

O tamaño da mostra permitiu afondar nas diferenzas existentes entre deportes que requiren determinadas habilidades mentais: desde o fútbol, o baloncesto o atletismo ou o tenis ata o fútbol gaélico, a danza deportiva ou as carreiras de orientación. Esta foi a base do traballo desenvolvido por David Tomé xunto aos seus colegas Constantino Arce, Ángel Vales e Dolores Ponte: “Avaliar o uso de distintas habilidades psicolóxicas segundo o tipo de deporte”.

Constantino Arce, David Tomé, Dolores Ponte e Ángel Vales, autores do estudo.

Constantino Arce, David Tomé, Dolores Ponte e Ángel Vales, autores do estudo sobre a psicoloxía no deporte.

E como se fixo? “Agrupamos os deportes en categorías para ver se os factores de rendemento de cada deporte (técnicos, tácticos e físicos) propiciaban o uso de determinadas habilidades mentais”. Enténdese mellor con exemplos: “os deportistas de disciplinas con gran importancia do factor técnico onde se precisa realizar accións moi concretas, coma no tiro con arco, empregaron habilidades de visualización para concentrarse mellor, mentres que en deportes onde a parte física e moi importante e se esixe unha gran resistencia, coma no triatlón, os deportistas regularon máis as emocións negativas durante a competición que no resto de disciplinas”.

 

Un adestramento individual

Cos datos na man, chegaron as conclusións. Os investigadores puideron determinar que “o adestramento psicolóxico pode individualizarse para acadar un maior rendemento, dando moito marxe á labor do psicólogo deportivo nun contexto actual onde cada vez se pide maior especificidade no adestramento profesional”.

Tal e como explica David Tomé, a ansiedade adoita ser o factor “que máis dificulta o rendemento” en dúas vertentes: a fisiolóxica e a cognitiva. “A ansiedade provén de avaliar unha situación como ameazante para o deportista, e produce que eviten focalizarse nos obxectivos relevantes da práctica deportiva, e pasen a concentrarse en estímulos distractores no momento como a reacción do público ou o medo ao fracaso. Isto provoca unha diminución do rendemento e da autoestima”.

A ansiedade é o factor “que máis dificulta o rendemento”, segundo os investigadores galegos

Mais este non é o único obstáculo que deben superar os deportistas: Están tamén a tristeza, o enfado ou a envexa. Fronte a isto, sinala Tomé, “os psicólogos deportivos traballan a confianza dos deportistas e a súa capacidade de control da atención, ensinándolles en que factores deben focalizarse e como poden evitar a aparición de sensacións ansiosas ou distractoras”.

Con todo, o papel e a integración dos profesionais da psicoloxía na estrutura dos clubs e deportistas ten aínda ten tarefas pendentes. Isto provoca, segundo o investigador da USC, “unha perspectiva moi limitada á hora de intervir”, ademais do “estigma” que segue habendo polo feito de acudir a un psicólogo. Este, para Tomé, “é un profesional máis”, como un fisioterapeuta ou un preparador físico, “que vai buscar as condicións idóneas para que o deportista acade o maior rendemento posible”.