Primo: “O traballo invisible durante o verán está a verse agora”

O dianteiro cántabro destacou o seu labor diario a partir de mayo como clave para a melloría física desta tempada. O ariete analizou a previa do encontro do domingo en Segundo Rey, o seu patrocinador oficial e do duelo ante a Segoviana

0
FOTO: De esquerda a dereita: Miguel Fernández, Segundo Rey, xerente da empresa, Primo e Ramón Castro, coas camisetas e carteis do partido patrocinados por Segundo Rey SL.

 

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2021.- Na sede de Segundo Rey, no Polígono do Milladoiro, Primo pasou revista á actualidade do Compos, destacando a última vitoria e analizando a previa do duelo deste domingo contra a Gimnástica Segoviana. O dianteiro cántabro destacou que o equipo debe seguir na mesma liña para volver sumar de tres no fortín. A nivel persoal, séntese ben fisicamente e contento de poder axudar con goles.

A rolda de prensa do ariete tivo lugar nas instalacións do seu patrocinador oficial e do duelo dominical no Vero Boquete. Alí, o seu xerente, Segundo Rey, destacou a súa colaboración co club unha tempada máis, así como a alegría de levar o seu logo na camiseta de Primo. “Seguimos un ano máis porque me sinto moi identificado co Compos e porque teño unha gran relación con Antonio. Por iso, son un colaborador que sempre estou á súa disposición, dentro das miñas posibilidades. Ademais, ter a Primo foi todo un acerto, era o xogador que perseguía esta tempada e cónstame que a imaxe da empresa está moi ben representada. Non me equivoco dicindo que Primo vai facer grande ese nome que leva nas costas”, destacou o empresario compostelán.

Regresar á senda da vitoria. Levabamos unha xeira de catro empates, aínda que case todos foran con boas sensacións, iso si, perdendo a vantaxe en moitos, pero por fin esta finde pasada conseguimos sacar os tres puntos e máis naquel campo, que non se adapta ao noso estilo de xogo, pero soubemos sacar o buzo de traballo e soubemos correr do primeiro ao último, sendo un equipo.

Adaptarse a outros campos. Creo que este ano, en canto a isto, temos máis variedade que o ano pasado. Temos a nosa idea de ter a pelota, ser verticais e chegar con xente á área, pero as fichaxes tamén nos axudan neses campos, con condicións diferentes á nosa idea de xogo.

Pablo Durán. Pablo encántame, á parte de como xogador, pola súa capacidade de querer aprender, de cada día tentar quedar con cousas novas e iso é o que lle vai dar de comer no futuro, no bo sentido, porque creo que ten bastante potencial e pode chegar bastante lonxe.

O seu crecemento no Compos. É un rapaz que ten os pés na terra, sabe de onde vén e el segue adestrando día a día para mellorar. Por exemplo, no debut contra o Pontevedra meteu gol, na segunda non foi titular, pero seguiu insistindo. Chegoulle a oportunidade esta fin de semana pasada, aproveitouna e grazas aos seus dous goles, o equipo puido sumar, que tamén facía falta.

Competencia en ataque. Este ano, de metade de campo para adiante, hai moita competencia e dá igual quen xogue que o que saia vaino facer ben. Iso tamén se nota no día a día, durante a semana, que adestramos para gañarnos o posto e o domingo reflíctese.

Sensacións persoais. Co que quedo este ano é que me atopo ben fisicamente, xa que o ano pasado non puiden participar o que me gustaría. A tempada pasada non pasei de catro ou cinco partidos seguidos e esta xa levo sete, con esa cifra está o resumo. Atópome moi ben, por sorte estou a ver portería, estamos terceiros clasificados e toca seguir.

Traballo invisible. Cando acabamos en maio, como sabía que renovara, estiven dous meses indo a San Lázaro, coidándome e tratándome, e ese traballo invisible, agora, a longo prazo, está a verse.

A Gimnástica. Teño algún coñecido alí, xa lles vin un par de partidos, é un equipo que me gusta, que lle gusta ter a pelota e será un rival difícil, que se non sabemos apertarlle ben, poñerannos as cousas moi difíciles.

O que máis teme do rival. Que nos quite o balón. Que nos quiten o balón e que nós nos volvamos tolos e non interpretemos ben o partido. Con todo, creo que, se seguimos na mesma liña de presión alta e ben fisicamente, como estamos, conseguiremos os tres puntos.

Gañar na casa. Contra o Bergantiños tivemos ocasións e contra o Marino, aínda que non estivemos como deberiamos, tamén tivemos opcións. En casa, rival que nos veña, o noso guión ten que ser o mesmo.

Xogar ao mediodía. Ao final, adáptaste. Igual o horario do outro día, das catro e cuarto, si que non me gusta moito, pero unha vez dentro do campo só pensas en ir a polo partido.

Igualdade na clasificación. Creo que esta será a tónica ata final de ano. Igual si que un pouco, esta fin de semana, se rompeu a clasificación, entre metade alta e baixa, pero este ano vai estar todo moi igualado. O Pontevedra xa espertou, nós estamos a facer moi ben as cousas, o Adarve tamén, encima manexa moi ben dous estilos de xogo, ou a Segoviana, o noso próximo rival. Vai ser un ano moi igualado e moi complicado.