Ourense, 13 de maio de 2019.- Preto de 100 ciclistas galegos disputarán o Campionato de Galicia 2019 Fondo en Estrada nas categorías Élite e Sub-23, o vindeiro domingo, 19 de maio. A presentación deste evento deportivo tivo lugar no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde de Cenlle, Gabriel Alén; o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz; en representación da Asociación de Veciños de Barbantes Estación Cenlle, Alejandro Bello; e do Servizo Provincial de Deportes da Xunta, Manuel Pérez.

A Deputación de Ourense colabora con este evento deportivo que permitirá aos afeccionados “gozar do mellor ciclismo galego, así como da natureza da ribeira do Miño”, sinalou Rosendo Fernández. Este ano o galego de fondo en estrada ábrese a corredores de fóra da comunidade e tomarán a saída equipos doutras partes de España e tamén de Portugal. A cita pasa a ser puntuable para o ranking da Real Federación Española de Ciclismo, explicou o vicepresidente da Deputación de Ourense.

A proba transcorrerá por un percorrido de 130 quilómetros pasando por “Cenlle, Ribadavia, Ourense, San Amaro, Maside, entre outros lugares do territorio da nosa provincia”, explicou Alejandro Bello quen sinalou que “a esixencia da proba estará marcada polo pelotón”. Neste mesmo sentido, o presidente da Federación Galega de Ciclismo dixo que se trata da “proba máis importante do calendario galego, da que van a saír, de entre os cen corredores galegos que van a disputala, os campións de Galicia das categorías Élite e Sub-23”.

O campionato, que se desenvolverá na comarca do Ribeiro, comezará ás 10.00 horas con saída e meta na localidade de Barbantes, “un entorno que debemos continuar a promocionar a través do deporte e do turismo deportivo”, salientou o alcalde de Cenlle, quen agradeceu á Asociación de Veciños de Barbantes Estación Cenlle polo seu “traballo durante tantos anos coa Volta ciclista ao Ribeiro, así como por manter unha proba que trae consigo un forte retorno na promoción turística e deportiva do noso municipio”.

Comentarios