Presentación do Campionato Galego «XOGADE» de Piragüismo

A Deputación de Ourense colabora con este evento que se celebrará no Carballiño o día 20 de abril.

0
Presentación do Campionato Galego "Xogade" de Piragüismo na sala de xuntas do Pazo Provincial. Asisten Rosendo Fernández (VicePresidente da Deputación), Francisco Fumega (Alcalde do Carballiño), Alfredo Bea (Presidente Federación Galega de Piragüismo), Manuel Pérez (Coordinador do programa XOGADE en Ourense) e Jose Manuel Fernández (Presidente do piragüismo Fluvial Allariz).

 

Ourense, 10 de abril de 2019.- O Campionato Galego «XOGADE» de Piragüismo, dirixido aos menores de 12 anos, celebrarase o día 20 de abril, ás 11:00 horas, no río Arenteiro, no Carballiño.

A presentación deste evento deportivo tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde e o concelleiro de Deportes do Carballiño, Francisco Fumega e Manolo Dacal; o presidente da Federación Galega de Piragüismo, Alfredo Bea; o coordinador do programa XOGADE en Ourense, Manuel Pérez; o presidente de piragüismo Fluvial Allariz, José Manuel Fernández.

A Deputación  de Ourense colabora con este evento que «fomenta o deporte entre os máis cativos e contribúe a promocionar unha disciplina deportiva que está en auxe na nosa provincia, así como a dinamizar o noso rural», dixo o vicepresidente do goberno provincial, quen lembrou que se trata da «primeira vez que se celebra unha regata no río Arenteiro, pero que será suficiente para asentar este deporte no Carballiño».

O presidente da Federación Galega de Piragüismo destacou a crecente acollida do piragüismo en Ourense e o traballo que se está a realizar para que «o piragüismo galego sexa referente na provincia de Ourense». Así mesmo, Alfredo Bea dixo que este Campionato enmárcase nesa proposta de que «o piragüismo estea no deporte escolar e, con este evento, damos un pulo importante a ese proxecto».

«O deporte nestas categorías é o que máis xente mobiliza», sinalou o presidente da Federación Galega de Piragüismo, quen lembrou que o ano pasado participaron 400 nenos menores de 12 anos pertencentes a 35 clubs de toda a xeografía galega, cifras que esperan manter tamén este ano.

Pola súa parte, o coordinador de XOGADE en Ourense salientou a importancia da cooperación entre administracións (Deputación de Ourense, Xunta de Galicia e Concello do Carballiño) para poder traer eventos desta índole a Ourense, mentres que Francisco Fumega afirmou que desde o concello «facemos unha aposta decidida polo deporte base» e dixo que «a suma de grandes proxectos conseguen situar a Arenteiro no mapa».