• O evento, cun máximo de 300 participantes, celebrarase baixo as medidas do protocolo da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta.
  • Inscricións, até o 27 de decembro en carreirasgalegas.com. O percorrido terá unha lonxitude de 5,25 km., principalmente de terra compactada e tramos de asfalto e pedra.
  • Mario González, xerente do Consello Municipal de Deportes [MP3]
  • Eladio Gómez, Sublime Deportes y Cultura, organizador da proba [MP3]

Ourense, 22 de decembro de de 2020.- A cidade prepárase para despedir o ano correndo, pero con control. A quinta edición da Carreira Popular San Silvestre, que se celebrará o vindeiro xoves 31 organizada polo Concello de Ourense coa colaboración da Federación Galega de Atletismo e do Club Deportivo Aurum, limita a participación a 300 persoas, por rigorosa orde de inscrición, e celebrarase baixo as medidas que establece o protocolo da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.

A participación está aberta ás persoas maiores de 16 años que se inscriban até o 27 de decembro de 2020 ás 23:59 horas a través do espazo web carreirasgalegas.com, onde poderán atopar o regulamento da proba. O prezo da inscrición é de 7 euros, co que lle será entregado unha camiseta conmemorativa e o número de dorsal.

Cinco quilómetros de terra e asfalto. O percorrido terá unha lonxitude de 5,25 km. aproximadamente, principalmente de terra compactada e tramos de asfalto e pedra. A zona de saída emprázase na explanada da marxe dereita do río Miño, baixo a rúa Ribeira de Canedo. A meta, ao carón da oficina de Turismo da ponte vella.

Percorrido: Parque Ribeira de Canedo – Pasarela C.C. Pontevella – Parque Miño – Rúa Díaz de La Banda – Parque Portovello – Pasarela Avenida Ribeira Sacra – Paseo do Miño – Pasarela Oira – Paseo do Miño – Rúa Ribeiriño – Ponte Vella.

Seis premios en categoría absoluta. Establécense seis premios para a categoría absoluta: dous primeiros premios de 150 euros para homes e para mulleres; dous segundos premios de 100 euros para homes e para mulleres; e dous terceiros premios de 50 euros.

Non se realizará cerimonia de entrega de premios o día da proba por motivos sanitarios, senón na Casa do Concello nunha data que lles será comunicada aos premiados.

Evento seguro. A San Silvestre Ourensá 2020 desenvolverase conforme ao Protocolo ‘Fisicovid DXT Galego’ da Federación Galega de Atletismo e aprobado pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.