Pontevedra presenta o Tour «Universo Mujer»

A Deputación de Pontevedra dnvórcase co Tour “Universo Mujer” que chega a Pontevedra “para visibilizar ás referentes do deporte feminino”

0

 

Durante os días 6, 7 e 8 de marzo a cidade do Lérez acollerá este importante evento no que estarán representadas ata 16 federacións nacionais.

Carmela Silva: “Precisamos de referentes femininos, é moi difícil que unha nena queira ser deportista de elite se non ten a mulleres nas que referenciarse”.

 

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, presentaron o evento “Universo Mujer” que acollerá a vila do Lérez no próximo mes de marzo. Xunto a Alfonso Jimenez, director xeral da Fundación Deporte Joven; Laura Gil, do equipo de patrocinios de Iberdrola, e Ignacio Solana, director do Tour, anunciáronse ás actividades que traerá  a Pontevedra a que será a quinta e última parada desta edición do roadshow deportivo na que a Deputación de Pontevedra terá unha participación activa.

Na súa intervención Carmela Silva subliñou a importancia do evento “porque as mulleres precisamos de referentes, é moi difícil que unha nena queira ser deportista de elite se non ten a mulleres nas que referenciarse”. Nesta liña sinalou que “Universo Muller pon en valor ás grandes deportistas do noso país para amosalas como exemplos a seguir”. Silva lembrou “que a pesar de que as mulleres son só o 23% das persoas federadas en España, elas están a conseguir tantos éxitos ou máis que os homes. Durante moito tempo tiñamos vetado o deporte e non podíamos competir ata fai ben pouco pero  hoxe en día son moitas as mulleres que están dando alegrías ao deporte da nosa provincia e tamén ao deporte español, este mesmo fin de semana a selección feminina de waterpolo conseguiu a medalla de ouro no Europeo”.

As principais actividades do Tour “Universo Mujer” terán lugar os días 7 e 8 de marzo. Durante os dous días, na Praza de España, haberá un montaxe coa representación de 16 federacións nacionais (Tríatlon, Ximnasia, Rugby, Balonmán, Bádminton, Hóckey Herba, Piragüismo, Fútbol, Voleibol, Atletismo, Tenis de Mesa, Deportes de Xeo, Karate, Boxeo, Esgrima e Surf).

Amais, o evento central será unha carreira de 5 quilómetros que terá lugar o día 8 de marzo, coincidindo coa celebración do Día Internacional da Muller. De feito, desde hoxe mesmo está aberto o prazo de inscrición, que ten un prezo simbólico de 4 euros (https://www.deporticket.com/web-evento/4341-carrera-en-forma-por-la-igualdad-tour-universo-mujer-pontevedra). Antes, o día 6 de marzo, organizarase o “Foro Universo Mujer”, onde falarase da actualidade e do futuro do deporte feminino.

Na rolda de prensa de presentación tamén estiveron presentes a madriña e o padriño da proba, que son a loitadora Lydia Pérez e o tirador paralímpico, Juan Saavedra, ambos deportistas pontevedreses que teñen a marca provincial da Deputación de Pontevedra “DepoDan”.