Pontevedra acolle o Campionato de España de Triatlón de longa distancia

Esta fin de semana celebrarase en Pontevedra o Campionato de España de Tríatlon de longa distancia, con catrocentos participantes.

0

 

“Probando, probando”. Así presenta o Loro Ravachol no cartel do evento, o Campionato de España de Tríatlon de Longa Distancia, que se celebrará esta fin de semana en Pontevedra. Porque ademais dos títulos deportivos que están en xogo, tamén están facendo o seu propio exame os percorridos destas probas (Tríatlon de Longa Distancia, Aquabike e Tríatlon Cross) cara ao Festival Multisport, que se celebrará o vindeiro ano en Pontevedra, e no que se disputarán cinco mundiais.

Hoxe tivo lugar no Concello de Pontevedra o acto de presentación destes campionatos, nos que participarán uns 400 deportistas nas diferentes probas. Na rolda de prensa de hoxe estiveron presentes a concelleira de Deportes de Pontevedra, Anxos Riveiro; o director do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, Jesús López; o presidente da Federación Galega de Tríatlon, Óscar Surís; e o director técnico da Federación Española, Jorge García.

Anxos Riveiro expresou a súa ledicia ao votar a vista atrás e recordar como todo comezou no ano 2008 e o que espera no 2019, coa celebración do Festival Multisport. E recordou que estes eventospermitiron “situar a Pontevedra no mapa internacional, ademais do beneficio económico interno da cidade, en cada gran evento”. A concelleira destacou ademais a enorme colaboración da cidadanía de Pontevedra, que soporta os cortes de tráfico. Pola súa banda, Jesús López, falou do importante que era a celebración deste evento, cara ao Festival do próximo ano.

O presidente da Federación Galega, Óscar Surís volveu agradecer acolaboración de todas as administracións porque “estes eventosnacionais e internacionais benefician ao tríatlon galego, xa que facilita a posibilidade de competir dos nosos triatletas, ao non ter que desprazarse lonxe”. Ademais manifestou o seu orgullo ao ver unha vezmáis, como son triatletas galegos os que figuran entre os favoritos para loitar polo triunfo. Surís animou a cidadanía de Pontevedra a “saír ás rúas e gozar co noso deporte”.

Por último Jorge García destacou que Pontevedra é unha das cidades referentes do tríatlon español, coa que se mantén unha colaboración estreita dende o ano 2008 e que se verá culminada coa celebración doFestival Multisport, “un proxecto que marcará diferenzas sen dúbida algunha”.

Campionato de España de Longa Distancia. O sábado 25 de agosto disputarase o Campionato de España de Tríatlon de Longa Distancia –tamén campionato galego- e unha proba Open de Aquabike, nas que participarán un total de 300 triatletas. Entre os favoritos, os galegos Gustavo Rodríguez, Cristóbal Dios, na masculina, e Saleta Castro, na feminina. A proba comezará ás 9:00 horas e os deportistas terán que realizar 3 quilómetros de natación, 116 de ciclismo e 30 de carreira a pe.

O domingo celebrarase o Tríatlon Cros Concello de Pontevedra, que será ademais Campionato Galego de Tríatlon Cros e proba puntuable para a Copa de España. As distancias serán de 1.000 metros de natación, 30 quilómetros de ciclismo e 8 de carreira a pe (para cadetes, 500 metros, 15 quilómetros de bici e 4, de carreira).