Os especialistas galegos de ciclocrós seguen indo a máis na Copa de España e na cuarta xornada puntuable asinaron en Alcobendas a actuación con máis éxitos do curso. Catro vitorias e outros dous postos de podio dúas semanas antes de que o certame estatal desembarque en Pontevedra.

Iván Feijoo (Nesta) ofreceu un recital para facerse coa vitoria na proba elite e sub-23. A competición que pechaba o programa deste VIII G. P. Bicicletas EnBici estivo marcada pola mala saída do líder Ismael Esteban, que se atopou practicamente en última posición tras os primeiros metros. O cántabro viuse obrigado a espremer todo o seu potencial para poder reintegrarse no grupo de favoritos, onde se atopaban Xabier Murias, Aitor Hernández ou Martín Mata, pero non así Iván Feijoo. O alaricano xa se marchara por diante tras imprimir un ritmo trepidante desde os instantes iniciais que lle permitiu cobrar unha renda que ninguén puido anular a posteriori neste rápido trazado de Alcobendas.

«O circuíto adadaptábaseme bastante ben e decidín arriscar na primeira volta, facela a lume de biqueira, e a partir de aí poñer o meu ritmo ata o final. Conseguín abrir uns segundos de vantaxe con Isma e non cometer erros para facerme coa vitoria. A verdade que estou moi contento co resultado e co ritmo que mantiven”, apuntou Feijoo, que venceu con 16» de vantaxe sobre Esteban. A quinta posición absoluta, e terceira entre os sub-23, correspondeulle ao limiao Carlos Canal (Burgos BH).

No que respecta á competición junior, o máis forte foi Miguel Rodríguez (Ponteareas), que sumou o seu primeiro triunfo desta campaña. O ponteareán rodou na cabeza desde o xiro inicial, aínda que sempre seguido de preto por Miguel Díaz (Uves Bikes), que finalmente rematou segundo a 23″. A terceira praza foi para o francés Ponchon, mentres que Zoe del Río (XSM) obtivo a sexta posición.

O outro podio masculino dos galegos protagonizouno Ricardo Buba (Coruxo), terceiro na proba cadete.  Venceu o líder Pau Martí (Moixent), que deste xeito amplía a súa vantaxe nunha clasificación na que as diferenzas son mínimas e agora Buba ocupa o terceiro posto. Iván Fernández (Avanza) concluíu sexto en Alcobendas.

Nova líder

Na carreira raíña feminina Irene Trabazo (XSM) rubricou o seu primeiro podio absoluto desta temporada na Copa de España e vestiuse de líder sub-23.  A elite Aida Nuño (Río Miera) estaba chamada a dominar debido á ausencia da súa gran adversaria este ano Lucía González. E así foi. A sete veces campioa de España non quixo sorpresas e desde o primeiro instante abriu unha vantaxe que lle permitiu non tomar riscos e conservar a mecánica.

Irene Trabazo e a elite Paula Díaz (Río Miera) distinguíronse con claridade como as dúas ciclistas máis fortes tras Nuño e terminaron disputándose entre ambas a segunda posición, que finalmente caeu en favor da asturiana por unha renda de 11″. A marinense terminou como primeira sub-23, categoría na que Andrea García (Maceda) fixo sexta. Entre as juniors, Noela Saa (Maceda) e a súa compañeira de equipo Aida García anotáronse a quinta e a sétima praza, respectivamente.

A vitoria que completa o póker galego aportouna Isabel Castro (Condado Bike), imbatible nas masters. A ponteareá superou en 22″ á máster-30 Isabel Borrero (Superprestigio) e sumou o seu cuarto triunfo para ratificar o liderado máster-50. Pola súa banda, nas categorías máster masculinas houbo quíntuple presenza dos corredores da nosa comunidade nos Top-10: Darío Otero (Compostelano) clasificouse sétimo nos máster-30, con Roberto Rodríguez (Bicicletas Chinquena), oitavo, e Andrés Calvete (Monte Xalo), décimo; Guillermo Álvarez (Condado Bike), oitavo nos máster-40; e Marcial Rodríguez (Qué Bici Marcisport), cuarto nos máster-50.

A penúltima cita da Copa de España será o 1 de decembro o Gran Premio Ciudad de Pontevedra, un evento co que Galicia regresa tras varios anos de ausencia ao certame estatal de ciclocrós.

Nota de prensa de la Federación Gallega de Ciclismo