Peleteiro Frutas Barreiro 82-80 CB Allariz | Partidazo en Montouto con final de infarto

0

 

Partidazo o vivido o sábado en Montouto cheo de intensidade e emoción pero tamén un partido estrano con 4 descalificados pola nosa banda (1 por faltas e os outros tres por acumulación de técnicas e antideportivas) algo que non nos lembramos que pasara nunca.

Tamén cunha gran desconexión pola nosa parte no segundo cuarto. Os dous equipos mereceron e puideron levarse o partido pero, cando o peor o tiñamos, sacamos o espiritu gañador para deixar a vitoria na casa.

Comezamos ben entonados o partido e a pesar do gran acerto dos visitantes conseguiamos rematar o cuarto 10 arriba cunha anotación moi repartida.

O segundo cuarto foi nefasto. Non atopabamos aro, non se buscaban as mellores opción de tiro e a defensa desaparecía. Parcial de 7-22 para os alaricanos para chegar ao descanso 5 abaixo.

Tras o descanso o equipo volveu a saír metido e o partido converteuse nun toma e daca por parte dos dous equipos. 52-54 para finalizar o cuarto.

O último cuarto foi de tolos. Comezamos a perder xogadores por acumulación de técnicas e antideportivas e os visitantes xogaban con moita claridade e acerto. A falta de 6 minutos perdiamos por 12 puntos e non pintaba nada ben. Cunha presión a toda pista que nos facilitaba canastras rápidas e un 3+1 de Vicario chegabamos a empatar en pouco máis de 3 minutos.

Entramos nos minutos finais con todo por decidir e aí os locais tiveron maior acerto desde a liña de tiros libres (4 de Pedro) e dúas boas defensas para acadar a vitoria.