Pato Guillén seguirá defendendo a portería da SD Compostela unha tempada máis

O porteiro uruguaio cumprirá a súa cuarta campaña nesta segunda etapa no club.

0

 

Santiago de Compostela, 8 de decembro de 2021.- Pato Guillén seguirá defendendo a portería da SD Compostela unha tempada máis. O extraordinario porteiro uruguaio ampliou a súa vinculación co club ata a campaña 2022-23, polo que seguirá formando parella de baile con Borja Rey, polo menos, un ano máis.

Coa firma, o veterano arqueiro compostelanista cumprirá a súa cuarta campaña consecutiva na entidade dentro desta segunda etapa en Santiago, tras un previo paso dun ano en Segunda B.

Dende o seu regreso ao Compos, Pato Guillén está sendo peza fundamental do proxecto, acaparando a gran maioría dos minutos neste tempo, alcanzando o ansiado ascenso co equipo e establecemento o récord histórico de minutos sen encaixar un gol, deixándoo en 798. En total, ata a data, xa superou os cen encontros oficiais co club, 102 (65 dende a súa chegada en 2019), unhas cifras que segue aumentando semana tras semana.

Tras pechar a ampliación do seu contrato, Pato mostraba a súa satisfacción polo acordo alcanzado. “É unha alegría enorme, síntome moi contento de que o club apostase por min outra vez e moi feliz porque esta é a miña casa e síntome moi ben aquí”, destacaba.

Coa súa continuidade, o Compos asegúrase a experiencia, traballo diario e calidade dun grandísimo porteiro. “Por sorte estou a contar para o míster con moitísimos minutos, estou feliz por iso tamén, e no vestiario un ten sempre que achegar toda a súa experiencia, sobre todo aos mozos, tentar axudalos no que se poida, polo que estou contento de estar a achegar dentro e fóra do campo”, explicaba durante as súas declaracións.