Pablo Patiño caeu nos oitavos de final do Europeo SUB 21 no último suspiro do combate

0

A Coruña, 27 de agosto de 2021. Na última xornada do Europeo sub 21 de Tallín non houbo premio para os nosos deportistas. Pablo Patiño foi o que estivo más preto da medalla, tras vencer en dous combates e caer nos oitavos de final por só un punto no último segundo.

Pablo Patiño (-68, Patiño) comezou tremendamente ben o Europeo, gañando por diferenza de 20 ao grego Theofanis Xanthakos Theofanis. Na seguinte rolda volveu ser moi superior fronte ao alemán Furkan Kuecueksungur (24-5) e acadou o pase aos oitavos, nos que esperaba o ucraíno Stanislav Plisko. Foi un combate tremendamente axustado, que se decidiu por so un punto a favor de Plisko a falta dun segundo. O combate comezou mal para Pablo (5-0), pero remontou cun mondolio e logrou empatar (5-5) ao remate do primeiro asalto.

O resto do combate foi moi intenso e con intercambio de accións, das que Pablo sempre saía por riba no marcador. Pablo, que tiña moi ben tomada a distancia, logrou impactar no casco ata en dúas ocasións, pero non o rexistrou o marcador electrónico. A falta de 3 segundos para o final, co marcador 13-16 a favor de Pablo, nun intercambio de accións o ucraíno consegue impactar cun tui chagui (4 puntos) e poñerse por diante a un segundo do final (17-16).

Neste mesmo peso competiu Adrián Salanova (Maniotas) que caeu ante o xamaicano Brandon Sealy. Foi un combate moi duro no que Adrián levou a iniciativa dende o inicio, pero co xamaicano moi preto. Ao final do terceiro asalto, con Adrián por diante, Sealy logrou encadear varios golpes para poñerse por diante sobre a campá.

Por último, sinalar que Cloe Iglesias (-62, Patiño) saíu moi nerviosa e estivo bloqueada durante o primeiro combate e pouco puido facer ante a rusa Ninakhanum Magomedova.