A cadete Ainoha García (-51) e a júnior Arlet Ortiz (-52) lograron a medalla de ouro no Open de Polonia, que se está a disputar esta fin de semana. Magníficos resultados para a selección galega en Varsovia con dous ouros de catro participacións.

Ainoha García (-51, Couto) fixo unha magnífica competición. A galega, que hai só uns días participou no Mundial da categoría, volveu a amosar o seu gran estado de forma. Venceu en primeira rolda a Antonia Ioannou (Grecia) pot 11-6, para despois superar a Tuva Froseth Veium (Noruega) por un rotundo 9-0. En semifinais tivo o seu combate máis duro e axustado, fronte á croata Helena Kicema, que se resolveu cun 16-18 ao seu favor. Na final, a rival era a holandesa Amy Mink e Ainoha dominou con claridade para rematar cun resultado de 2-12 ao seu favor e a medalla de ouro no seu poder.

E non sería o único ouro. A júnior Arlet Ortiz (-52, Mat ́s) tamén parece imparable. Superou no primeiro combate á israelí Yully Semory por un contundente 22-5. En cuartos volveu a enfrontarse cunha deportista de Israel, nesta oportunidade era Michaela Kubikova, e o triunfo foi máis apertado (10-8). Na semifinal tivo como rival a Viktorija Benednik (Croacia) e volveu a ser moi superior (3-17) e rematou a competición coa final fronte a Anna Giakoumopoulou (Grecia), onde acadou o triunfo e a vitoria final no seu peso, por un 8-13 ao seu favor.

Onte, tamén competiron Pablo Patiño (júnior, -59) e Javier González (júnior, -68). Pablo Patiño (Patiño) gañou dous combates con bastante claridade, para caer nos cuartos de final. Venceu na primeira rolda ao belga Branko Hoebeke (12-21) e na segunda eliminatoria ao noruegués Kevin Meradi (24-12). Fronte ao belga Sohail Amal o choque foi moi axustado e tivo que decidirse no punto de ouro, nun combate no que o belga non acadou nin un só punto en acción (todos foron por penalizacións).

Pola súa banda Javier González (Mace Sport) venceu no primeiro combate a Alexandru Pennert (Moldavia) e caeu na seguinte rolda ante Mikolaj Wojcik (Polonia).