• Manuel Baltar presentou hoxe este evento no parque náutico, acompañado pola presidenta da Federación Española de Remo, Asunción Loriente; o presidente da Federación Galega de Remo, Xosé Manuel Seijas, e o alcalde de Castrelo de Miño, Xurxo Rodríguez.

 

  • «Ourense é un dos mellores lugares de Europa para a práctica do remo, e así o acreditan as seleccións nacionais e os equipos que veñen ao noso territorio a preparar campionatos do mundo e olimpíadas, o que supón un exemplo do potencial da nosa provincia ligado ao termalismo deportivo, que impulsamos desde a Deputación», afirma Baltar.

 

Ourense, 5 de febreiro de 2019.– O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presentou hoxe, acompañado pola presidenta da Federación Española de Remo, Asunción Loriente; o presidente da Federación Galega de Remo, Xosé Manuel Seijas, e o alcalde de Castrelo de Miño, Xurxo Rodríguez, os campionatos de España de remo nas modalidades de Longa Distancia e de Seleccións Autonómicas, que se disputarán os días 9 e 10 de febreiro no parque náutico de Castrelo de Miño.

Un evento que conta co apoio da Deputación de Ourense, a través do Inorde, e que reunirá a un total de 1.150 remeiros de 107 equipos de 9 comunidades, que disputarán o IX Campionato de España de Longa Distancia e o Campionato de Seleccións Autonómicas 2019, o que significa que Ourense «é un dos mellores lugares de Europa para a práctica do remo, e así o acreditan as seleccións nacionais e os equipos que veñen ao noso territorio a preparar campionatos do mundo e olimpíadas, o que supón un exemplo do potencial da nosa provincia ligado ao termalismo deportivo, que impulsamos desde a Deputación», afirmou Manuel Baltar.

O presidente do goberno provincial lembrou que o proxecto de creación dun ecosistema de «Turismo Deportivo», que desenvolve a Deputación de Ourense por medio do Inorde, «ten unha excelente mostra nestes campionatos, que converterán a vindeira fin de semana a Castrelo de Miño en capital do remo», e agradeceu á federación española o vínculo que ten con Ourense, e que crea no potencial desta provincia, e en concreto de Castrelo de Miño, como un lugar especial para disputar este tipo de eventos deportivos»».

Baltar recoñeceu o traballo que fai o Inorde, a través do seu xerente, José Manuel Rodríguez, «para que estes importantes acontecementos deportivos se poidan celebrar na nosa provincia, pois non é nada doado albergar campionatos destas características, porque, ademais das condicións e das infraestruturas necesarias, é preciso convencer con argumentos, presentar unha candidatura e contar coa máxima receptividade por parte das máximas autoridades do mundo do remo».

Pola súa banda, Asunción Loriente destacou os medios, as facilidades e as instalacións que Ourense pon a disposición do remo, salientando «a pista de 2.000 metros que se vai a estrear esta fin de semana nos campionatos», cualificando a Castrelo de Miño como «o mellor lugar de España para remar», e remarcando «a importancia de potenciar os equipos autonómicos de remo para logo poder ter uns bos equipos nacionais».

O presidente da Federación Galega de Remo dixo que Ourense «conta co maior mar interior de España, cunhas condicións óptimas para o desenvolvemento do deporte do remo», e o alcalde de Castrelo de Miño agradeceu á Deputación de Ourense «que financiara por completo a pista olímpica coa que conta o parque náutico», e tamén á federación española e á galega «polo seu compromiso coa Copa da Xuventude que se disputará en Castrelo en 2021».

O IX Campionato de España de Longa Distancia terá lugar o 9 de febreiro a partir das 9.00 horas, nas categorías de cadete, xuvenil e absoluto, sobre unha distancia de 5.500 metros, e no que atinxe ao Campionato de España de Seleccións Autonómicas, disputarase o 10 de febreiro, a partir das 16.30 horas, no que competirán remeiros das mesmas categorías, sobre unha distancia de 1.000 metros.

Ao remate dos campionatos, os máis de trinta deportistas que integran a selección española de remo comezarán no centro de adestramento (CERLAC) de Laias Caldaria unha etapa de trinta días de preparación cara ás vindeiras competicións internacionais que teñen que disputar.

Comentarios