O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández participou no balneario de Laias no acto de clausura do XVII circuíto de golf Open de Galicia-Ourense Provincia Termal, que contou co apoio da Deputación de Ourense e que celebrou a súa final en Montealegre, tras seis meses de competición, convertendo á provincia de Ourense en protagonista do golf galego.
Rosendo Fernández destacou que este evento, «mostra unha vez máis, o compromiso da Deputación de Ourense co deporte, e nesta ocasión, apadriñando a XVII edición do circuíto de golf máis importante de Galicia». Así mesmo, o vicepresidente do goberno provincial dixo que esta competición é «un vehículo inmellorable de promoción do termalismo da nosa provincia, por ser unha das principais protagonistas deste campionato como sede dunha fase previa da competición e tamén desta clausura».
Este torneo, disputado desde o pasado mes de abril ata outubro nos mellores campos de Galicia e do norte de Portugal, chegou ao seu fin en Montealegre con máis de 90 golfistas.