Ourense acolle o domingo 17 a segunda edición da Milla Solidaria sobre un trazado urbano

Trátase dunha proba de atletismo en ruta con carácter popular e federado sobre a distancia de 1 milla: 1.609,35 metros. O evento terá, ademais, unha fin solidaria: todo o recadado en concepto de inscricións seralle doado á Asociación Española Contra o Cancro.

0

 

O vindeiro domingo 17 de xuño, Ourense acollerá a II Ourense Milla Solidaria, unha proba de atletismo en ruta con carácter popular e federado sobre a distancia de 1 milla (1.609,35 m.). A saída terá lugar ás 10:00 horas na rúa do Paseo, e percorrerá un circuíto urbano comprendido entre a Rúa Concordia e o parque de San Lázaro.

A proba foi presentada na sala de xuntas do Consello Municipal de Deportes (CMD) coa presenza de Mario González, xerente do CMD; Ángel Fidalgo Vázquez, secretario e director técnico da Delegación en Ourense da Federación Galega de Atletismo; Agustín Pérez Meiriño, representante da Asociación Española Contra o Cancro; e de Eladio Gómez Rosales, coordinador xeral Ourense Milla Solidaria.

A II Milla Solidaria está incluída no calendario oficial de competición da Federación Galega de Atletismo, e o circuíto de milla está homologado pola Real Federación Española de Atletismo. O evento terá, ademais, unha fin solidaria: todo o recadado en concepto de inscricións seralle doado á Asociación Española Contra o Cancro, ao igual que na primeira edición.

O desenvolvemento da proba será como segue: Realizaranse series por categorías, adaptando a distancia para as categorías de menores. As inscricións están abertas en Carreiras Galegas, e desde a organización agárdase un alto número de participantes.