O adestrador do Celta, Óscar García, quitoulle a capitanía do equipo a Hugo Mallo. A partir de agora o primeiro capitán pasa a ser Iago Aspas, que xa ocupaba este posto na ausencia de Hugo Mallo por lesión. Segundo o xornalista da Radio Galega, Víctor López, o resto de capitáns son Nolito, Denis Suárez, Tapia e Murillo.

Dende que Augusto Fernández marchou do Celta no 2016, Hugo Mallo viña ocupando ese posto. Unhas semanas atrás converteuse no xogador do Celta con máis partidos en Primeira División, 236. Nesa lista supera a grandes lendas como Manolo «O Gran Capitán» ou Mostovoi. É innegable a súa aportación ao club, dende xuvenís, pasando pola Primeira e Segunda División ata chegar á Europa League.

Na conferencia de prensa previa ao partido de mañá ante a Real Sociedad, Óscar dixo que Sergio Álvarez e Rubén Blanco seguían sendo capitáns (nese caso o Celta quedaría con 7 capitáns). Engadiu que este era un tema interno do vestiario e que non lle agradaba que saira á luz. Ademais, comentou que tiña o apoio da directiva nas súas decisións, aspecto bastante dubidable cando saen a palestra nomes para substituílo (como Marcelino ou Eduardo Berizzo).

As súas declaracións da pasada semana contradino. Nese momento dixera que Hugo Mallo pedira saír no mercado de verán e que non tiña ningún problema con el. Cando, unha semana despois, a situación é completamente distinta.

Como recolle La Voz de Galicia, Pepe Murcia fora o último adestrador celeste que designara aos capitáns, dende entonces son os propios xogadores os que o acordan.

Faltan algúns datos neste novo enfrontamento no Celta. Estas últimas tempadas non están sendo boas no aspecto deportivo, polo que non son noticias agradables as leas internas en Casa Celta. Boa parte da afección celeste posiciouse na banda de Mallo, un xogador querido que será capitán do Celta ata o último dos seus días.