Nota de prensa de la Deputación de Pontevedra

  • Preto de 150 persoas participarán na primeira competición do circuíto organizado pola Deputación de Pontevedra, percorrendo 30 quilómetros a partir das 9:30 horas da mañá 

Nos montes das Neves xa está todo listo para arrancar unha nova edición do “Depo Desafío”, a novidosa e esixente competición da Deputación de Pontevedra que combina cinco probas de cinco disciplinas deportivas diferentes. A estrea desta edición será cunha BTT chea de obstáculos e emocións só aptas para as persoas máis valentes. Preto de 150 deportistas competirán nesta primeira quenda, que comezará o domingo 9 de xuño a partir das 9:30 horas con saída e chegada na Praza do Concello das Neves.

O percorrido desta primeira proba é duns 15 quilómetros, que as persoas participantes deberán finalizar en 3 horas e media como máximo e en dúas voltas, polo que a distancia total que percorrerán será algo superior aos 30 quilómetros. A altitude máxima está situada nos 490 metros e, o desnivel positivo, en 422 metros. Esta proba está considerada como de dificultade media. Na Praza do Concello haberá un punto de información, os vestiarios estarán localizados no polideportivo municipal e habilitarase unha zona de aparcamento na contorna do cemiterio.

A Deputación de Pontevedra volve confiar neste “Depo Desafío” despois de que a primeira edición excedese todas as expectativas. Por esta razón, aumentouse o número de participantes (maiores de 16 anos) de 300 a 500: 200 na modalidade de competición nas 5 probas e 300 na modalidade de proba individual. Trátase dunha das actividades postas en marcha pola institución provincial para popularizar este tipo de probas deportivas á vez que se promove o destino turístico –razón pola que as probas se distribúan ao longo do territorio pontevedrés- e, do mesmo xeito, concienciar á poboación da urxencia de practicar deporte no medio natural dun xeito respectuoso, sustentable e responsable.

Dous dorsais para a Maratón de Berlín en xogo

Na clasificación xeral, o circuíto organizado pola Deputación de Pontevedra proclamará un gañador e unha gañadora entre as persoas que teñan participado, como mínimo, en 4 das 5 citas. Escolleranse sumando as puntuacións que obteñan en cada proba, tendo en conta só os seus 4 mellores resultados (no caso de que participasen nas 5) e cun extra de 50 puntos se completaron todos os 5 desafíos propostos. No caso de empates, atenderíase á puntuación obtida no tríatlon para designar o gañador ou gañadora. O premio destas dúas persoas será cadanseu dorsal para competir na Maratón de Berlín, con desprazamento e aloxamento incluídos. O ano pasado a gañadora foi Ariana González e o gañador Brais Misa. Os dous teñen os seus dorsais garantidos para participar nesta popular proba o vindeiro 29 de setembro.

Ademais, a Deputación tamén obsequiará a todas as persoas que completen as cinco probas cun premio “finisher” e, entre todas as que participen, dous paquetes da Maratón de Berlín. Como complemento á clasificación xeral, tamén haberá unha clasificación individual en cada proba onde, ademais de establecer o gañador e a gañadora globais desa quenda, tamén se establecerá unha categoría sub-21 e unha categoría veterana (de 40 anos en adiante).

Á BTT das Neves seguiranlle a travesía a nado, en Combarro (o 7 de xullo), a carreira a pé, en Vilagarcía (o 27 de xullo), o trail, en Cuntis (o 8 de setembro) e, por último, o tríatlon, en Vigo (a comezos de outubro, data sen determinar).

Comentarios