A Federación Galega de Loita e D.A. está a promocionar as Loitas Olímpicas adaptadas ás limitacións da pandemia nos centros educativos de primaria da provincia de Pontevedra. Preto de 1.000 alumnos están a descubrir o Wrestling Dummy, que se practica contra bonecos e sen contacto entre persoas. As comarcas do Val Miñor e do Baixo Miño convertéronse nos epicentros desta actividade.
Nas últimas semanas tres centros educativos de Nigrán (CEIP Humberto Juanes, CPR Estudio e CPR Ángel de la Guarda), dous de Baiona (CEIP Fontes Baíña e CEP Sabarís), un de Oia (CEIP Mestre Manuel García) e un de A Guarda (CEIP Manuel Rodríguez Sinde) abriron as súas portas a este proxecto, que no seu calendario tamén rexistra citas noutros puntos da provincia como Sanxenxo (CEIP La Florida), Pontevedra (CPR Nª Sª De Las Dolores) e A Estrada (CEIP A Figueroa).
A iniciativa, totalmente gratuíta para os centros educativos e os alumnos, está a obter un éxito sen precedentes. O financiamento corre a cargo do Servizo Provincial de Deportes na provincia de Pontevedra da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, mentres que a Federación Galega de Loita e D.A. encárgase de facilitar todo o material necesario: tapiz de 100 metros cadrados, os bonecos Dummy de diferentes pesos e alturas, e os técnicos.
Seguridade sanitaria
As limitacións derivadas da crise sanitaria da COVID-19 obrigaron a reinventarse a este deporte. A loita contra bonecos resulta unha alternativa segura, limpa e na que se minimiza o risco de contaxio. Tendo a un Dummy como adversario, os deportistas poden demostrar o seu repertorio técnico, velocidade, forza e resistencia.
Ata o inicio da pandemia, as actividades de promoción de Loitas Olímpicas nos centros educativos centrábanse na práctica adaptada ao currículo escolar de cada grupo, pero o paradigma deportivo cambiou considerablemente. Nas exhibicións con bonecos Dummy efectúanse accións simultáneas con catro alumnas ou alumnos e as cinco tarefas que se levan a cabo combinan exercicios de forza, habilidades básicas como os saltos e proxeccións dos bonecos.
A Federación Galega de Loita e D.A. realizou o maior investimento da súa historia en material alternativo para executar esta aposta e conta coa colaboración da multinacional SUPLES LTD, que financia parte desta iniciativa poñendo de manifesto a súa adaptación á nova situación para os deportes de combate.