Os burelistas reciben o Cartagena este mércores, na xornada 15 aprazada

0


Na semana de descanso pola Copa de España de Málaga, os burelistas recuperarán a xornada aprazada, do final da primeira volta. Será mañá, ás 21.00 horas, coa visita do Jimbee Cartagena FS, que recala na Mariña na duodécima praza (24 puntos). Cada soci@ laranxa poderá acudir cun acompañante á cita; as invitacións estarán dispoñibles no acceso ao pavillón.

“Están en xogo tres puntos moi importantes para viaxar a Zaragoza, o noso rival máis inmediato, antes de Copa Galicia. Afrontámolo con moita ilusión e con moita confianza depositada para conseguir puntuar” confesaba Luisma. “Será un partido difícil, coma todos, pero creo que podemos sacar algo positivo.

Na casa estamos facendo mellor as cousas e a nosa afección axúdanos a seguir medrando partido a partido. En Vista Alegre podemos conseguir tres puntos moi necesarios, que nos darían un subidón anímico, pero sobre todo clasificatorio”, explicaba o logroñés ante un novo reto da Alma Laranxa tras o calendario ante os todopoderosos e abrindo unha nova etapa.

Enfrontaranse dous rivais con caras novas. “Cartagena reforzouse moi ben o mercado invernal; nós tamén tivemos cambios. Toca afrontalo agora como unha gran final”, explicaba o 6 burelista do equipo que dirixe Duda, coa peche de ElPozo Josema, o ala brasileiro Gabriel ou o pivote do Movistar Solano entre as súas novidades.

O Jimbee chega á costa galega encadeando as derrotas ante Jaén (4-2) e Movistar (3-6), con 9 puntos recollidos nesta segunda volta, nos empates ante Barcelona (1-1), Zaragoza (5-5) e Levante (3-3), ademais das vitorias con Santa Coloma (5-2) e Magna (7-6): “É un rival perigoso, é un moi potente, sobre todo a nivel ofensivo, con boas individualidades; ten xogadores como Fernández, Juanpi ou Franklin que te poden desbordar no un contra un, ademais de dous pivotes dominantes”, analizaba así o logroñés as virtudes dos murcianos.

Os pupilos de Juanma Marrube terán aínda dúas sesións antes da cita, hoxe ás 17.00 horas e mañá ás 11.00 horas.