O Vista Alegre andaluz, primeiro obxectivo a domicilio

Tras a estrea soñada, o Pescados Rubén Burela FS disputará este sábado o seu primeiro compromiso a domicilio. Será na segunda xornada, no Vista Alegre andaluz, ante Córdoba Patrimonio de la Humanidad (19.00 horas).

0

Os pupilos de Juanma Marrube buscarán referendar o seu bo comezo ligueiro ante un rival que non puido estrearse a semana pasada, co desprazamento á pista do Betis, por casos de Covid-19 no conxunto local. “Non podiamos ter mellor inicio, vitoria na casa contra un grande equipo como é Cartaxena (5-2); poucos equipos farán puntos con eles. Tiñamos moitas ganas de competir e de quedar coa vitoria. Iso viuse na pista, aproveitando as ocasións e con plena concentración; aí estivo a clave do partido” reflexionaba Daniel Giasson do seu primeiro encontro coa camiseta laranxa, tras superar as molestias musculares que o tiveron minguado en pretempada: “Viña de estar parado tres semanas, creo que podo dar moito máis, pero estou moi contento de participar deste partido e destes tres primeiros puntos” explicaba o novo 13 burelista.

O peche italobrasileiro regresará a Córdoba, a súa casa en 2019-20, para enfrontarse a un equipo renovado: “Un pouco antes da pandemia xa cambiaran de adestrador. Esta tempada reforzáronse, coma moitos equipos da categoría; con xogadores como Jesulito ou Saura gañaron en ataque. É un equipo que se coñece moi ben, que sente moito o escudo, porque hai moita xente de Córdoba, e dá moita guerra na casa” analizaba así Giasson o próximo reto burelista apelando ao bo traballo da primeira xornada para seguir puntuando: “Temos que seguir na mesma liña. Manter o nivel de competitividade. Sabemos que vai ser duro; temos que manter a seriedade” aseguraba o burelista fronte un rival para o que é a súa segunda tempada na elite, como os mariñáns.

Se non hai cambios no adestramento desta tarde, Juanma Marrube terá á súa disposición a todos os efectivos, co regreso de Eto’o, que perdeu o inicio de liga por unha contusión no xeonllo. A expedición sairá esta noite, ás 22.00 horas, e realizará mañá xa en Córdoba a última sesión, ás 11.30 horas.

 

Expedición provisional Pescados Rubén Burela FS: 1. Edu, 2. Nito, 4. Lucho, 5. Iago Míguez, 6. Pitero, 7. Javi Rodríguez, 10. Matamoros, 12. Renato, 13. Giasson, 16. Eto’o, 20. David Pazos, 22. Álex Diz, 23. Quintela, 24. M. Kaluza Martes 13,

 

Movistar en Vista Alegre

Sen case descanso, o Pescados Rubén Burela FS xa volverá a Vista Alegre o martes, día 13, coa xornada 3 e a visita do campión, Movistar Inter (20.00 horas).