Tras dúas semanas de parón, regresa a competición na 1.ª Nacional Femenina cun duelo de máxima emoción e intensidade na zona alta entre o Viajes Interrías Fútbol Femenino -líder con  42 puntos– e o Victoria FC -terceiro na táboa con 34-. O campo Municipal de Santa Isabel será o escenario este domingo, a partir das 16.00 horas, dun partido no que o conxunto rojillo buscará dar un golpe na mesa e amosar calidade e bo xogo ante un dos mellores rivais da categoría.

O adestrador santiagués Chivi García -nomeado fai unha semana mellor adestrador do ano na Gala do Deporte Santiagués- aproveitou o descanso para recuperar ás xogadoras lesionadas e só contará para esta 18.ª xornada coa baixa de Carlita, que continúa a recuperarse da lesión nun pé.

A cita do domingo pon fronte a fronte a dous conxuntos que non comezaron ben este ano 2020. O Victoria FC encadea unha derrota, dous empates e dous triunfos (sumou 8 puntos dos 15 posibles) mentres que o cadro de Portonovo encadeou dúas vitorias e tres empates (9 puntos). “É evidente que o inicio da segunda volta da competición non foi demasiado bo. Estas semanas de parón servíronnos para recargar pilas e traballar, así que confiemos nun cambio de cara á parte decisiva da tempada”, afirma Chivi García. “O Viajes Interrías tampouco comezou do mellor xeito. O feito de perder varios puntos leva a pensar que xa non estamos ante ese rival que se amosou intratable durante o primeiro tramo da Liga”, engade o técnico santiagués que recorda as 10 vitorias consecutivas das do Salnés nas primeiras 10 xornadas de Liga.

Pero non se fia o Victoria F.C.. “Segue a ser un rival con xogadoras moi fortes e físicas. Mantén unha presión moi alta durante todo o partido e son moi perigosas a balón parado”, descríbeas Chivi García. Ten claro o técnico ‘rojillo’ que “a clave do partido podería estar na posesión do balón”. “Sufrimos moito cando non o temos, así que se logramos telo en Santa Isabel e gañar as disputas, teríamos moitas opcións de sacar un gran resultado e poñer a Liga máis interesante se cabe”, suliña. “Pero pase o que pase non creo que sexa definitivo tendo en conta os resultados desta segunda volta, pero si moi importante para saber cal é o noso sitio, se competimos por manter esta terceira praza de aquí ó final da tempada, ou aspiramos a meternos de cheo na loita pola Liga”, destaca Chivi.

O que queda claro é que o Victoria F.C.-Viajes Interrías será un encontro atractivo para os aficionados. “De gañar nos poñeríamos a 5 puntos do líder e as xogadoras están con moitas gañas de dalo todo nestas 8 finais que nos quedan”, anima o adestrador a que a xente se achegue ata Santa Isabel.

Nota de prensa del Victoria FC