O Victoria FC pecha a primeira volta ante o Deportivo Abanca B

0

O Victoria FC pecha este sábado a primeira volta na 1.ª División Nacional Femenina recibindo en Santa Isabel (17.00 horas) ó Deportivo Abanca B. O duelo entre dous dos equipos que mellor fútbol practican da categoría pon en xogo tamén a terceira posición da táboa, agora en mans das herculinas por tan só dous puntos de diferenza (25 do Dépor B e 23 do Victoria FC).

O plantel que dirixe Chivi García chega a este importante encontro coa moral alta tras encadear por primeira vez na campaña tres triunfos consecutivos e con todas as xogadoras listas para saltar ó campo despois dunhas semanas complicadas de lesións.

“Chegamos moi ben. As tres vitorias consecutivas e o xogar na casa teñen que dar confianza á plantilla para competir neste bonito partido fronte a un dos mellores equipos da categoría”, afirma o técnico santiagués. Chivi García describe ó Dépor B como “unha selección de xogadoras, de moito talento e poderío físico”. “Moitas delas adestran co primeiro equipo o que conleva pertencer a unha plantilla de Primeira División. Será un encontro complicadísimo”, engade.

O compostelán insiste en que “temos que facer as cousas moi ben, coñécennos e saben o que imos propoñer dentro do campo, senon estamos atentas nas transicións defensivas faránnos moitas ocasións pois contan con xente moi rápida arriba”.

Será unha última xornada da primeira volta moi emocionante pois tamén haberá duelo entre o primero e o segundo clasificado, o Viajes Interrías e o CD Monte, co que o triunfo tamén permitirá ó gañador en Santa Isabel recortar diferenzas cos dous de arriba. Chivi García anima ós siareiros a acercarse mañá ó campo. “Ogallá a xente veña animar ás xogadoras. É o último partido da primeira volta, contra o equipo de máis nome da categoría e xogámonos a terceira praza contra elas. Creo que non se pode pedir máis”, suliña o adestrador do Victoria FC destacando a igualdade entre ámbolos dous rivais empatados en estadísticas como goles a favor (32) e en contra (12).

Nota de prensa del Victoria FC