Nota de prensa de Vía Láctea Comunicación

  • Organizado pola empresa balnearia de vila e o club Atlético Cuntis, reunirá a 32 equipos das zonas de Santiago, Deza, Barbanza, Arousa ou o Salnés, ademais de contar por primeira vez coa participación do Celta de Vigo. 

Esta fin de semana celebrarase o “VI Torneo de Fútbol 8 Termas de Cuntis” no campo municipal de A Ran de Cuntis, que este ano contará coa participación de 32 equipos galegos integrados por 480 xogadores. Nesta edición participan rapaces na categoría biberón, que inclúe a meniños de menos de seis anos, prebenxamín (6 e 7 anos), benxamín (8 e 9) e alevín (10 e 11).

A competición, que se celebrará o sábado-8 de 10:00 a 19:00 horas e o domingo-9 de 9:00 a 20:00 horas, está organizada polo Atlético Cuntis –club que preside Fran Fontenla, máis coñecido como Choco– e o balneario Termas de Cuntis, e conta co patrocinio do Concello de Cuntis e a Deputación de Pontevedra. Esta edición do torneo contará coa participación por primeira vez do R.C. Celta de Vigo na categoría benxamín e outros clubs de Moaña, Moraña, Lalín, Vilagarcía de Arousa, Ribadumia, Rois, Ribeira, Silleda, A Estrada, Lalín, Bertamiráns, Vilanova de Arousa, Cambados, Meaño, A Pobra do Caramiñal e Boiro, ademais do equipo anfitrión o Atlético Cuntis. O sábado xogarán as categorías de prebenxamín e benxamín e o domingo biberón e alevín.

Os organizadores esperan superar os tres mil espectadores da pasada edición, ademais de aspirar a converter o evento na referencia anual da canteira galega de futbolistas. A organización agradece a súa colaboración a Termas de Cuntis, Concello de Cuntis, Deputación de Pontevedra, Protección Civil Cuntis, Federación Galega de Fútbol e aos pequenos comercios de Cuntis e A Estrada polo apoio económico e de material, ademais de recoñecer o traballo realizado por pais e nais en tarefas organizativas.

Os equipos gañadores de cada categoría recibirán medalla e trofeo e unha entrada para o acquaform do balneario para todo o conxunto. O segundo e terceiro clasificados terán medalla e trofeo e o cuarto clasificado e o primeiro e segundo de consolación recibirán trofeo, todos doados por diferentes empresas de Cuntis, Caldas de Reis, Moraña e A Estrada. A maiores, todos os xogadores recibirán unha mochila con froita e auga como agasallo, doado polos talleres Elmacar.

Ademais, a organización ten previsto unha actividade na que poderán participar todos os asistentes ao evento deportivo, e consistirá en que se sacará unha tarxeta branca durante o torneo a calquera persoa que faga unha boa acción. Zona de xogos con inchables, e festa da escuma ao final de cada día complementarán esta festa do fútbol infantil na vila termal. A entrada é libre e gratuíta.

Comentarios