O Ultimate Downhill do Tea actualiza a nómina de campións de Galicia de Descenso

O Pontebike Team será o club anfitrión no Monte da Picaraña.

0

As emocións fortes están garantidas este domingo en Ponteareas. O Descenso autonómico reactívase despois do obrigado parón pola pandemia e na súa primeira proba da temporada póñense en xogo as camisolas de campións de Galicia 2021.

O trazado do Ultimate Downhill do Tea ten unha lonxitude de 1,4 quilómetros. A metade desa distancia pertence ao antigo circuíto do DH da Picaraña e os outros 700 metros foron preparados polo Pontebike para estrearse de xeito oficial neste evento. Os corredores galegos e portugueses que xa probaron o percorrido puideron contrastar a calidade deste descenso, moi técnico e que examinará a habilidade dos riders.

Os 123 inscritos, que representan a quince clubs do panorama autonómico, comezarán a competir ás 11:00 horas coa quenda clasificatoria. Os tempos marcados na primeira baixada cronometrada establecerán a orde de saída na gran final, co seu inicio previsto para as 12:30 horas. O Pontebike agarda que sexa unha xornada na que todos os riders desfruten e, deste xeito, se vexa recompensado o traballo realizado polos compoñentes do club para poñer a punto o circuíto.

Tras non poder celebrarse o pasado ano debido á crise sanitaria da COVID, o Campionato de Galicia de DHI leva sen actualizar o seu palmarés dende o 2019. Hai dous anos a nómina de gañadores compuxérona Uxía Álvarez e Raúl Miranda en cadetes, Marco Martínez nos juniors, Víctor Mariño nos sub23, Gemma Seoane e Marco Veiga en elites, Estefanía Cabarcos e Manuel Pellón en máster-30 e José Manuel Verdía en máster-40.

O Pontebike agradece a axuda recibida por parte do Concello de Ponteareas e Sportkids, así como da Casa Cultural e da Comunidade de Montes de Arcos por todas as facilidades ofrecidas para sacar adiante esta cita. A Diocese de Tui-Vigo tamén colaborou coa organización cedendo uns terreos nos que se habilitará o aparcamento dos participantes.