O Trofeo Cidade de Pontevedra decide este domingo a Copa Galicia de Estrada Elite e Sub23

0

Na antesala da Volta a Galicia, este domingo resolverase a Copa Galicia de Estrada Elite e Sub23. O certame autonómico celebra a súa terceira e última clásica puntuable, o III Trofeo Cidade de Pontevedra – Memorial Rogelio Acuña. O elite Jorge Martín Montenegro (Aluminios Cortizo) e o sub23 Alejandro Gómiz (Mutua Levante) chegan como líderes dos rankings á proba de 100 kilómetros de percorrido organizada polo Grupo Deportivo Supermercados Froiz.

O pelotón, no que haberá deportistas de categoría sub 23, elite, máster 30 e máster 40; partirá ás 10 horas desde a Praza de España e a chegada a meta, que estará na mesma localización, está prevista para as 12.30 horas.

Os corredores sairán de Pontevedra con destino a Marín para dirixirse logo a Bueu e ascender cara a Domaio. Desde alí poñerán rumbo cara a Santa Cristina de Cobres para continuar cara a Arcade e un segundo ascenso cara a Ponte Caldelas. Desde alí, o pelotón encarará a fase final da proba, un rápido descenso por Marcón e Bora, ata entrar de novo no centro de Pontevedra e encarar a meta a través de Arcebispo Malvar.

«O terreo é moi crebado, será unha proba dura, aínda que o espectáculo está en man dos corredores», sinalou o director deportivo do Grupo Deportivo Supermercados Froiz, Manuel Rodríguez.

«A nosa contorna é privilexiada para facer ciclismo tanto con fins competitivos como recreativos», dixo o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, na presentación do evento que tivo lugar este xoves no Concello de Pontevedra. «Este ano non se sobe á Escusa», desvelou o vicepresidente segunda da Federación Galega de Ciclismo e presidente do Comité Técnico de Árbitros, Javier Cajiao, quen recoñeceu que o obxectivo é converter este gran premio nunha etapa da Copa de España para o próximo ano. «Fai case dez anos que non se celebra en Galicia unha proba da Copa de España», engadiu Rodríguez.

Nota de prensa de la Federación Gallega de Ciclismo