Triunfo de quilates dun Ribadeo que gañou 3-0 a un Estudiantil que chegaba en racha, e achégase aos postos de ascenso

Ficha Técnica
RIBADEO FC: Hugo (81′ Javi Prieto), Rafa, Isma, Martín, Juanma, Iván (74′ Aitor), Tichu (79′ Miguel), Santi, Poratti (62′ David Rodríguez), Luki e Criss (70′ Pablo Rivas).

AGRUPACIÓN ESTUDIANTIL: Fran, Jacobo (81′ Ramonde), Mateo (77′ Denis), Carabán, Brais Calvo, Roi, Alberto, Diego Peña, Rial (46′ Iago), Alfonso (46′ Carlos) e Bruno (46′ Fer).

GOLES: (1-0) 6′ Rafa. (2-0) 17′ Luki. (3-0) 25′ Luki.

ÁRBITRO: Iván García Rey (Colexio Ferrolán), asistido nas bandas Francisco Piñón López e Juan Carlos Blanco García. Amonestaron ao local Juanma (13′) e aos visitantes Jacobo (49′), Roi (52′) e Fer (86′).

INCIDENCIAS: Partido disputado no estadio Pepe Barrera, correspondente á vixésimo quinta xornada da Preferente Norte. 200 espectadores. Céspede en pésimo estado

Agardábase un encontro vibrante hoxe entre Ribadeo F.C. e Agrupación Estudiantil no Pepe Barrera, ata que ámbolos conxuntos viron o estado do céspede, ou do que queda del. Calquer estratexia de xogo quedaba condicionada á lama, acompañante dos vintedous contendentes durante os noventa minutos.

De tódolos xeitos, tanto uns coma outros afrontaban o encontro nun momento doce de xogo e resultados. O Ribadeo, terceiro clasificado, non coñece a derrota desde o 23 de decembro, e seis dos sete últimos encontros remataron en triunfo. O Estudiantil, logo dun moi mal arranque de temporada chegaba ao partido de hoxe tras máis de dous meses sen perder.

Pero os de Gelucho non foron que de entrar no encontro en ningún momento. Desde o pitido inicial, o Ribadeo foi amo e señor dun encontro moi condicionado polo mal estado do céspede, pero os de Fiz incluso se atreveron a tocalo esférico en varias fases do partido. Aos dous minutos do comezo unha gran xogada na área de Luki remata cun gran pase deste, pero Tichu e Rafa non se entenderon cando o tiro era franco. Na seguinte xogada foi precisamente o de Friol que conseguiu adiantar aos locales. Tras un saque de córner desde o lado esquerdo da área, e un barullo na área o balón cáelle a Rafa, que libre de marca, define á perfección ante Fran.

A única chegada do Estudiantil en toda a primeira metada tivo lugar no minuto 11 de partido, cando un tiro lonxano de Brais Calvo envenenouse e case sorprende a Hugo, pero o focense reaccionou enviando o balón a córner. Non houbo máis novas en ataque dos visitantes, feito que aproveitou o Ribadeo para facerse co completo dominio do partido.

No minuto 17 unha xenialidade de Poratti propiciou o 2-0. Un pase perfecto deste, co exterior do seu pé esquerdo, foi recollido por Luki que batiu por alto o meta do Estudiantil. Co marcador moi favorable, o Ribadeo tivo os mellores minutos de fútbol, podendo incluso matar o encontro moito antes. Un centro medido de Rafa foi rematado por Poratti cunha gran volea que marchou lixeiramente alta. No seguinte ataque, Santi tras gran xogada por banda esquerda centrou para que Criss rematara, pero o seu cabezazo saiu lambendo o pao cando a grada xa cantaba o terceiro.

Pero non tardou en chegar a sentencia. No minuto 25 unha mala saída de Fran que a defensa do Estudiantil non acerta a despexar e deixou o balón para que Luki, desde 30 metros batise ao porteiro visitante cun colocado disparo. A partir de ahí, o partido tivo pouco historia. Tan só Santi, tras un gran pase de Criss puido amplialas distancias antes do descanso, pero o dez ribadense lanzou desviado.

A segunda metade tivo moito menos ritmo. O Ribadeo, co encontro de cara contemporizou o xogo e o Estudiantil, malia realizar tres trocos non foi quen de meterse no partido. Tan só rozou o gol tras unha falta cometida por Juanma na media lúa da área que Brais Calvo executou cun forte disparo ao que Hugo respostou de xeito extraordinario, ao igual que no rexeite a cargo de Alberto. Aos poucos minutos Roi, recolleu un balón na área pero o seu disparo saiu desviado.

Na última xogada do encontro, nunha gran conducción de Aitor puido chegar o cuarto, pero o pase deste a David Rodríguez non foi aproveitado por este, desbaratando Carabán a posibilidade de amplialas diferencias no marcador.

Con este triunfo, o Ribadeo mete presión a Paiosaco e Polvorín, que ocupan postos de ascenso directo a Terceira División. Precisamente será o filial do C.D. Lugo o próximo rival dos homes de Fiz Rodríguez, o próximo fin de semana no Ceao. Mentras o Estudiantil recibirá no seu campo ao Arzúa.