O Ribadeo caeu goleado ante o San Tirso e esfúmanse as opcións de ascenso (3-6)

0

O San Tirso goleou a domicilio ao Ribadeo, nun encontro caótico, e achégase á permanencia

Ficha Técnica
RIBADEO F.C.: Hugo, Cube (79′ Santi Vázquez), Juanma (61′ Aitor), Pablo Rivas, Martín, Iván (79′ Marcos Castañal), Tichu, Santi, Miguel (55′ David Rodríguez), Luki e Criss.

SAN TIRSO S.D.: Diego, Guille, Damián, César, Nico, Asti, Álvaro (90′ Christian), Currás (88′ Ares), Dani Xelo, Caamaño (81′ Óscar) e Fran (86′ Manu).

GOLES: (1-0) 30′ Santi. (1-1) 40′ Currás. (1-2) 49′ Nico. (2-2) 51′ Santi. (3-2) 57′ Pablo Rivas. (3-3) 60′ Currás. (3-4) 72′ Fran. (3-5) 76′ Fran. (3-6) 90′ Dani Xelo.

ÁRBITRO: Borja Allo Casal (Colexio Vigués), asistido nas bandas por Abel González Martínez e Marcos Álvarez Fernández. Amonestou aos locales Juanma (19′), Santi (41′), Pablo Rivas (45′), David Rodríguez (85′), Aitor (88′) e Tichu (90′). Expulsou con vermello directo a Martín (71′) e por doble amarelo a Juanma unha vez rematado o encontro. Amonestou aos visitantes Damián (30′), Nico (41′), Currás (45′) e César (51′).

INCIDENCIAS: Partido disputado no estadio Pepe Barrera de Ribadeo, correspondente á xornada 36 da Preferente Norte, ante 200 espectadores.

Auténtica tolemia a vivida hoxe no Pepe Barrera, nun encontro marcado no calendario do conxunto local. Chegada a antepenúltima xornada de campionato, o destino fixo que os dous conxuntos mariñáns da categoría, Viveiro e Ribadeo se puidesen axudar mutuamente vencendo nos seus respectivos encontros. Se ben o equipo viveirense acadou un valioso empate en Cantarrana ante o C.D. As Pontes, máximo rival dos ribadenses polo terceiro posto, os homes de Fiz Rodríguez caeron con estrépito ante o San Tirso, rival dos do Landro na loita por fuxir dos postos de perigo.

O Ribadeo F.C. non perdía na casa desde o día 1 de novembro, cando o fixera ante o daquela intratable Paiosaco. Hoxe, nun encontro no que non estivo cómodo en ningún momento, volveu caer, máis de medio ano despois, pero nunha data clave para o obxectivo do equipo.

Sen xogar un bo fútbol, o cadro local na primeira metade non pasou ningún apuro, controlando as escasas chegadas do San Tirso. De feito, as únicas ocasións foron locales. A primeira chegou por medio dun testarazo de Tichu, que marchou fóra por pouco. Pero a máis clara foi para Criss, preto dos vinte minutos de xogo tras un gran pase de Iván, pero o de Cangas atopouse co meta Diego, moi atinado no un contra un. Cinco minutos despois, o propio Iván saca unha falta lateral e o balón cólase na meta visitante, pero o colexiado Borja Allo Casal invalida a xogada ao considerar que Pablo Rivas interviu na xogada e estaba en posición antireglamentaria. A actuación arbitral foi moi protestada polo Ribadeo durante todo o encontro.

Á media hora de xogo, un penalti inocente dun defensa do San Tirso, é convertido por Santi adiantando así ao Ribadeo. O guión do encontro non cambiou e o cadro local seguía tendo o mando do partido, aínda que sen amosar a claridade de ideas de encontros anteriores.

No único achegamento do San Tirso chegou o empate. Falta ao borde da área que transforma maxistralmente Currás no minuto corenta de partido. Xa preto do final, tras un pase de Miguel, o balón caelle a Santi, pero o seu tiro despéxao a córner Diego. O saque desde o curruncho foi rematado por Juanma e o balón petou no longueiro. O rexeito recolleuno Pablo Rivas que reclamou penalti.

Na segunda metade o encontro transformouse e chegou a tolemia. Aos catro minutos, nun erro en conxunto da defensa ribadense remata cun testarazo de Nico que se cola na porta de Hugo. Co encontro en desvantaxa, o Ribadeo foise a polo empate e no primeiro intento acadouno. César toca o balón coa man dentro da área e Santi volve a transformar desde os once metros. Case sen tempo para a reacción, nun córner botado por Iván, erra o meta Diego e Pablo Rivas moi atento remata facendo o terceiro.

Co marcador a favor, o Ribadeo non foi quen de controlalo encontro. O San Tirso, con Currás e Álvaro moi inspirados lanzáronse a polo encontro, e aos tres minutos xa lograron o empate. Foi tras un córner no que Currás rematou a porta sen oposición. O Ribadeo, que notou a ausencia de Juanma lesionado á hora de xogo, viuse superado totalmente no último tramo de encontro. No minuto 72, nun erro defensivo de Martín chegou a remontada visitante. O centro tentou enmendalo e cometeu penalti e rematou na caseta. O penalti transformouno Fran.

Cun home menos e cunha precipitación excesiva, o Ribadeo só chegou á meta rival cun tiro lonxano de Tichu que obrigou a unha boa estirada de Diego. Á falta dun cuarto de hora, nunha contra visitante, Fran a porta baleira fixo o quinto. E Dani Xelo, case co tempo cumplido pechou a conta para un San Tirso que deu un paso de xigante cara a permanencia. A vindeira semana recibirá no seu campo a un Arzúa sen obxectivos.

Pola contra o Ribadeo deu un paso atrás que pode ser definitivo na súa loita pola terceira praza, quedando a cinco puntos do As Pontes, que será o seu vindeiro rival no Poboado.