O cadro mariñán, que xogou media hora en inferioridade, volta á senda do triunfo ante un Dumbría que puido levar un botín do Pepe Barrera

Ficha Técnica
RIBADEO F.C.: Hugo, Cube (87′ Santi Vázquez), Juanma (62′ Isma), Pablo Rivas, Martín, Jacob (28′ Poratti), Tichu, Santi, Rafa, David Rodríguez (90′ Adrián) e Criss (69′ Aitor).

C.F. DUMBRÍA: Iván Bouzón, David Carreira (55′ Pablo Paz), José Miguel (73′ Raúl), Julio, Iago, Aarón, Marcote (62′ Martín), Iván González, Fabio, Pesco e Yuyo.

GOLES: (0-1) 43′ Yuyo. (1-1) 51′ Tichu. (2-1) 88′ Santi Vázquez

ÁRBITRO: Gabriel Quintairos Rial (Colexio Vigúes), asistido por José Alberto Lorenzo Álvarez e Rubén Extremadura Hernández. Amonestou aos locales Santi (59′) e Tichu (67′) e aos visitantes José Miguel (65′) e Aaron (74′). Expulsou con cartón vermello directo aos locales Rafa (65′) e Fiz Rodríguez (65′).

INCIDENCIAS: Encontro correspondente á xornada 34 da Preferente Norte, disputado no estadio Pepe Barrera, ante 150 espectadores

O encontro xogado en horario matinal no Pepe Barrera entre Ribadeo F.C. e C.F. Dumbría non reflexou a gran diferencia existente entre ámbolos conxuntos na clasificación logo de  34 xornadas de liga. O cadro ribadense, logo do empate ante o Escairón e a derrota en Arzúa, viu como se lle escaparon as posibilidades de ascenso directo, e loita por ter ao alcance o terceiro posto, ocupado hoxe polo C.D. As Pontes, e poder disputala promoción de ascenso á Terceira División.

Pola contra, o Dumbría chegaba ao encontro de hoxe nunha situación delicada, cos mesmos puntos que os equipos en postos de descenso e cunha pobre traxectoria como visitante, pero coa moral alta logo de vencer no seu campo a un rival directo como o Viveiro.

Como ven sendo habitual na Preferente, a situación clasificatoria non é para nada reflexo do que pode pasar no terreo de xogo. O Dumbría comezou o encontro querendo o balón, sempre con Pesco canalizando tódalas accións ofensivas. Nun córner botado polo 10 do Dumbría, Aaron a pique estivo de adiantar aos visitantes, pero o seu remate de cabeza marchou lambendo o traveseiro. Tamén Fabio puido marcar minutos despois pero o seu potente disparo saiu desviado.

O Ribadeo, malia non atopar o seu xogo nen poder controlalo encontro, puido frear ao seu rival e gozou dalgunha ocasión de gol. Tichu cun lanzamento desde a frontal tivo unha clara, pero o balón bateu nun defensa e marchou a córner. Xa mediada a primeira metade, tras unha gran xogada por banda esquerda de David Rodríguez, que puxo un centro medido, Rafa enganchou unha gran volea que saiu lixeiramente desviada da meta de Iván Bouzón.

Nos últimos compases do primeiro tempo o Dumbría gozou de dúas claras ocasións de gol, por medio do ex ribadense Iván González, pero sempre se atopou coa gran resposta do porteiro local Hugo. Sen embargo, xa moi preto do remate, Yuyo atopou o premio á insistencia do Dumbría. Foi tras un despiste defensivo local que aproveitou Pesco que puxo un pase medido para o remate do dianteiro de Camariñas.

O segundo tempo comezou de forma moi diferente ao como rematou o primeiro. Os pupilos de Fiz Rodríguez saíron da caseta coa intención de darlle a volta ao marcador e gozaron da ocasión máis clara pra acadala igualada tan só un minuto despois. Unha gran xogaba combinativa entre Poratti, Tichu, Rafa e Criss remata co tiro deste ao longueiro. O rexeite foi recollido por David Rodríguez e o seu disparo foi sacado por un defensa cando xa se cantaba o empate.

De tódolos xeitos, o gol local non tardou en chegar. Foi no minuto 51 tras un córner sacado por Rafa, que Santi rematou desde a frontal e o tiro deste foi desviado por Tichu, facendo imposible a resposta do porteiro do Dumbría. Co empate no marcador, o Ribadeo non se deu por satisfeito e na seguinte xogada un gran disparo de David Rodríguez a piques estivo de convertirse na remontada pero atopouse coa gran resposta de Iván Bouzón.

O Dumbría parecía aboado a defender con uñas e dentes o empate, pero nunha recuperación de Aaron en mediocampo chegou unha dobre ocasión que puido darlle un xiro ao encontro. Primeiro foi o goleador Yuyo que puxo a proba os reflexos do focense Hugo, e logo Iván González, cun tiro desde dentro da área quen probou sorte, pero voltou a atoparse coa gran intervención do porteiro.

No minuto 65 chegou a acción polémica do encontro e que trocou o devir dos últimos compases do mesmo. Unha forte entrada por detrás do lateral visitante José Miguel a Rafa remata co de Friol expulsado con cartón vermello directo, tras revolverse ao recriminarlle ao rival a entrada. O colexiado Gabriel Quintairos interpretou agresión e o Ribadeo tivo que afrontar o último tramo do encontro con dez. A acción, moi protestada polo conxunto local, tamén rematou co adestrador Fiz Rodríguez expulsado.

Os seguintes minutos trascurriron sen apenas ocasións, con tensión entre ámbolos conxuntos e cun Dumbría que non soubo aproveitar a súa superioridade. Tan só, Yuyo no minuto 80 puxo o medo no corpo á afección do Pepe Barrera cun disparo que saiu a rentes do pao. Nos últimos minutos, con máis corazón que cabeza, o Ribadeo levou o peso do encontro, e Mauro Poratti, cun testarazo puido facer o segundo pero o balón marchou alto por poucos centímetros.

No minuto 88, Santi Vázquez,  tan só un minuto despois de entrar no campo acadou o gol da victoria cun gran tiro cruzado ante o que nada puido facer Iván e puxo o definitivo 2-1 no marcador.

Con este resultado o Ribadeo F.C. volve á senda do triunfo, e afronta con optimismo o vindeiro encontro no campo do Dubra, que xa será este martes 1 de maio, partido que fora aprazado no seu día. O Dumbría xogará o próximo domingo un encontro crucial na súa pelexa pola permanencia, no Conco ante o Arzúa.