O Ribadeo adxudícase o derbi mariñán e deixa tocado ao Viveiro (3-0)

0

Dous goles ao comezo de cada tempo foron moito lastre para un Viveiro que terá que sufrir pra mantela categoría

Ficha Técnica
RIBADEO FC: Hugo (82′ Javi Prieto), Martín, Pablo Rivas, Marcos Peña, Juanma (75′ Isma), Jacob, Iván, Tichu, Rafa (69′ Cube), Santi (64′ Luki) e Miguel (55′ Aitor). VIVEIRO CF: Pelayo, Roi (46′ Pablo), Miguel, Julio Camba, Joao Pedro, Poceiro, Álex Paz(75′ Joel), Álex Meitín, Xenxo (51′ Rolle), Arturo e Kaká (68′ Xoel).

GOLES: (1-0) 3′ Santi. (2-0) 46′ Miguel. (3-0) 58′ Rafa.

ÁRBITRO: Rubén Reborido Rodríguez (Colexio de A Coruña), asistido nas bandas por Alexandre Represas Rodríguez e Iván Miño Rojas. Amonestou aos locales Tichu (35′), Marcos Peña (41′), Iván (68′) e Aitor (80′) e aos visitantes Miguel (62′), Álex Meitín (75′) e Joao Pedro (80′).

INCIDENCIAS: Partido disputado no campo das Valgas (San Miguel). Boa afluencia de público

Derbi atípico o disputado na tarde de hoxe. Primeiro polo esceario, xa que o mal estado do Pepe Barrera fixo que o encontro se xogase nas Valgas, campo do Iberia CF, en San Miguel de Reinante. E tamén pola diferencia clasificatoria entre ámbalas escadras. O Ribadeo FC loita polo ascenso e nesta temporada, o Viveiro CF só aspira a mantela categoría. E non lle vai resultar tarefa doada, logo da derrota de hoxe.

O partido comezou de cara para o conxunto ribadense. Na primeira xogada trenzada do encontro Rafa deixa un balón para Santi, e este desde a frontal bate ao meta Pelayo cun disparo axustado ao pao. Foi un duro golpe para o Viveiro comezar por debaixo no  marcador, pero os homes de Chusky non tardaron en reaccionar e tiveron un cuarto de hora no que foron superiores ao rival.

Pasados os dez minutos, Álex Paz tivo a primeira ocasión para os viveirenses, pero o seu disparo foi enviado a córner por Hugo. Na seguinte xogada foi de novo Álex Paz o que desestabilizou a ordeada defensa do Ribadeo. Tras unha gran xogada por banda esquerda coloca un medido pase para Álex Meitín, pero o tiro deste foi sacado por Marcos Peña cando o balón xa se dirixía ao fondo das mallas. O rexeite foi rematado por Poceiro pero o seu tiro despexouno Juanma. Esta xogada foi protestada polo adestrador do Viveiro ao considerar que o fixera coa man, sen embargo o colexiado non sinalou penalti.

Co paso dos minutos, o Ribadeo FC conseguiu facerse co balón, feito que o Viveiro acusou enormemente e fixo que quedase ao descuberto a súa febleza defensiva. Á beira da media hora de xogo, un bo pase de Miguel a Rafa rematou co tiro deste a porta, pero Pelayo ben situado salvou ao seu equipo. Minutos máis tarde, tras xogada de Tichu por banda dereita, foi Miguel tras unha gran xogada dentro da área quen probou fortuna, pero o seu disparo atrapouno o meta do Viveiro.

A segunda metade só tivo un color: o do Ribadeo FC. E comezou do mesmo xeito que a primeira, dando un golpe ao rival en forma de gol. Nada máis sacar de centro, e froito das facilidades defensivas do Viveiro, un gran pase de Santi desde a banda dereita foi rematado por Miguel ao fondo da portería.

O Viveiro en toda a segunda metade só tivo unha ocasión pra reducilas diferencias no marcador, pero foi moi clara. Logo dun saque de córner, un xogador viveirense remata de cabeza ao longueiro, e o rexeite foi enviado de novo á madeira por Álex Meitín. Aos dous minutos, chegou a sentencia. Foi nunha contra levada por Tichu, que cede a Rafa Casanova, que se inventa unha vaselina maxistral que supera a Pelayo, pero bateu no pao. O de Friol colleu o rexeite e só tivo que empurralo balón a gol.

Na última media hora de partido, os de Fiz Rodríguez puideron ampliala diferencia, pero non estiveron acertados cara a porta. Aitor, logo dunha boa xogada individual, plantouse só ante Pelayo, pero este cunha gran intervención evitou a goleada. Tamén o porteiro viveirense, que hoxe debutaba no conxunto de Chusky evitou o gol de Martín, logo dun tiro franco desde o punto de penalti.

Con este resultado, o Ribadeo FC mantense cuarto clasificado a sete puntos do ascenso directo e cun partido aínda por disputar, adiado no seu día por mor do temporal. Máis preocupante é a situación do Viveiro CF, que ocupa o decimoséptimo posto cos mesmos puntos que o Dumbría, en descenso.

A vindeira xornada o Ribadeo recibe ao Atlético Escairón, mentras que o Viveiro xogará en Cantarrana ante o Arzúa.