O Ribadeo adxudícase o derbi da Mariña

0
Ficha Técnica
VIVEIRO CF: Trullo, Julio, Pelayo (86′ Joel), Jon Erik, Joao Pedro (70′ Kaue), Alberto, Álex Paz (80′ Xesús), Xaime, Arturo, Sergio Iglesias (54′ Rolle) e Álex Meitín.

RIBADEO FC: Hugo, Rafa, Martín, Yoel, Juanma, Iván (54′ Jacob), Santi, Poratti, Tichu, Luki (46′ David Rodríguez) e Criss (68′ Miguel).

GOLES: (1-0) 15′ Arturo. (1-1) 41′ Rafa. (1-2) 46′ Poratti. (1-3) 72′ Poratti. (2-3) 76′ Julio

ÁRBITRO: Héctor Castiñeira Blanco (Colexio da Coruña), asistido por Adrián Pérez Rellán e Aitor Maneiro Santos. Amonestou ós locales Pelayo (18′), Julio (40′), Arturo (63′) e Alberto (78′) e aos visitantes Luki (25′), Iván (35′), Tichu (57′), Martín (85′), David Rodríguez (87′) e Hugo (88′).

INCIDENCIAS: Partido disputado no campo de Cantarrana (Viveiro). Gran afluencia de público, moito chegado desde Ribadeo

O Viveiro comezou mandando, pero os goles de Rafa e Poratti en momentos psicolóxicos do partido desnivelaron a balanza a favor do Ribadeo

Partido especial o disputado hoxe en Cantarrana. Derbi mariñán da Preferente Autonómica entre dous conxuntos históricos como o Viveiro e o Ribadeo. Non chegaban a este encontro no seu mellor momento da temporada ámbolos conxuntos. O Viveiro non atopou o seu nivel no que vai de liga, e hoxe Chusky sentábase por primeira vez no banco de Cantarrana. Pola súa banda, o Ribadeo logo de dúas derrotas consecutivas vía ameazada a súa continuidade no pelotón de cabeza.

O encontro comezou cun Viveiro moito máis metido no encontro, xogando con moita intensidade e pisando a área rival con perigo. Na primeira ocasión clara chegou o gol local. Logo dunha falta moi ben lanzada por Xaime que Hugo non é quen de blocar, Arturo moi atento aproveita o rexeite pra adiantalo cadro de Chusky.

Co marcador a favor, o Viveiro tentou levar o encontro ao seu terreo e quixo ter o balón cun Xaime moi participativo na elaboración do xogo. Sen embargo, co paso dos minutos, o dominio local foi diluíndose, en moitas ocasións propiciado pola boa presión dos homes de Fiz Rodríguez. A primeira chegada con perigo do Ribadeo veu tras unha cabezada de Santi que marchou alta tras un centro preciso de Luki.

Xa nos últimos compases do primeiro tempo, o Ribadeo apropiouse do balón e puido empatar por medio de Criss, pero o seu remate de reviravolta foise lixeiramente desvidado. Non foi ata o minuto 41 cando chegou a igualada. Unha falta clara cometida sobre Tichu foi lanzada de xeito maxistral por Rafa Casanova, facendo inútil a estirada de Trullo.

Co primeiro tempo a pique de rematar, o Viveiro tivo a ocasión máis clara do encontro. Arturo rouballe a carteira a Martín, que erra na saída de balón, e só ante Hugo remata alto.

Nada máis comezar a segunda metade, o Ribadeo deulle a volta ao partido. Unha xogada rápida por banda dereita entre David Rodríguez e Rafa, rematou co pase deste ao corazón da área onde atopou a Poratti, que non tivo máis que empurrar ao fondo da portería.

Co marcador a favor, o conxunto ribadense xogou máis cómodo e tivo minutos nos que o Viveiro non inquedou a súa área, salvo nun tiro lonxano de Sergio Iglesias que non atopou portería ou nun remate de cabeza de Jon Erik tras unha falta lateral que marchou alto.

No minuto 72 o Ribadeo ampliou a diferencia no marcador. Rafa sacou un córner aberto que rematou Poratti, pra batir a Trullo de tiro cruzado, facendo o segundo gol na súa conta particular. A partir deste momento o Viveiro lanzouse ao ataque, na busca do gol que o metera de novo no partido. Non tardou en chegar. Catro minutos despois e tamén nun saque de córner que a zaga do Ribadeo non acertou a despexar, Julio mete a perna pra recurtar distancias.

Co Viveiro volcado, o Ribadeo atopou máis espazos á contra e puido sentenciar por medio de Miguel, pero o seu remate marchou ao pao. Xa co tempo cumplido, o Viveiro tivo unha ocasión pra logralo empate. Nunha xogada embarullada, o xuvenil Rolle recolleu o balón na frontal da área, pero o seu remate foi detido por Hugo.

Con estes tres puntos, o Ribadeo colócase cuarto na clasificación a catro puntos dos postos de ascenso, mentras que o Viveiro queda nunha preocupante décimosexta posición.

A vindeira xornada os de Chusky viaxan ao campo do Arzúa, mentras que o Ribadeo recibe no Pepe Barrera ao Atlético Escairón.