O protagonismo de Ourense na Vuelta a España, presentado no marco de FITUR

Manuel Baltar destaca "a importancia que supón que a nosa provincia sexa un ano máis referente nesta proba ciclista", un evento deportivo –expresou- que este ano volverá visitar non só a cidade de Ourense, con chegada na capital da provincia, senón tamén a Ribeira Sacra.

0

 

Ourense, 24 de xaneiro de 2020.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, destacou hoxe en FITUR, en Madrid, «a importancia que supón que a Vuelta a España teña un ano máis á provincia de Ourense como un dos seus referentes». A Feira Internacional de Turismo acolleu esta mañá no stand de Galicia a presentación do percorrido que a Vuelta terá na comunidade galega, sendo a provincia de Ourense a protagonista, un acto que contou coa participación do director xeral da Vuelta, Javier Guillén, e da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro.

 

Manuel Baltar salientou que a Vuelta a España «é unha das probas máis importantes do mundo do ciclismo, un deporte que temos próximo, mesmo que pasa por diante da casa, e que serve para promocionar un territorio como ningunha outra actividade deportiva».

 

O presidente do goberno provincial expresou que así o temos constatado en Ourense, logo de varias edicións, «indo da man coa organización da Vuelta a España, mesmo a de 2016 na que fomos o punto de partida -con «Ourense Termal-Madrid»-, que tivo catro etapas en territorio ourensán e mesmo a presentación dos equipos; un evento deportivo que este ano 2020 volverá visitar non só a cidade de Ourense, con chegada na capital da provincia, senón con ese paso pola Ribeira Sacra que, sen dúbidas, xa é un dos destinos preferidos en Ourense, un territorio con grande atractivo, que en 2021 será declarado patrimonio mundial pola Unesco». «Un traballo –expresou Baltar- no que ten moito que ver a Deputación de Ourense».

 

Manuel Baltar remarcou «á gran proxección mediática que representa a Vuelta, así como o seguimento mundial que se fai desta proba», que conta con millóns de espectadores e cunha cobertura informativa que abrangue 190 países, con 1.200 xornalistas e fotógrafos acreditados, unha caravana de 2.500 persoas que xeran en cada etapa un gasto diario de 250.000 euros, e un seguimento a través de Internet de 12 millóns de persoas.