O pelotón máster festexará este sábado o Día de Galicia ao grande. Escairón, a capital do concello lucense do Saviñao, acollerá o III GP Máster Ribeira Sacra, que exerce de primeiro campionato do ciclismo autonómico no 2020. A partir das 17:00 horas, poranse en xogo catro títulos nun percorrido de 85 quilómetros.

A proba organizada polo Chantadino Máster Team roldará os 150 corredores e o club anfitrión repite experiencia unha semana despois de sacar adiante a Volta a Lugo Máster, a competición coa que se retomou o calendario do ciclismo galego despois do parón pola crise sanitaria.

“Sabiamos que se a Volta a Lugo era un éxito, como así nolo manifestou a xente, o segundo paso sería un pouco máis doado porque moitas xestións xa están realizadas”, sinala José Ramón Caamaño, tesoureiro do Chantadino Máster Team. Desde esta entidade queren agradecer a axuda recibida por parte do Concello do Saviñao, do Concello de Chantada, da Federación Galega de Ciclismo, da Garda Civil e da Agrupación de Moto Enlace de Chantada, así como de Vía Romana, Norinver e Sumyfer, patrocinadores da carreira, e das firmas colaboradoras.

O trazado do GP Máster Ribeira Sacra – Campionato de Galicia 2020 de Fondo en Estrada Máster, con inicio e final en Escairón, ten dúas partes ben diferenciadas. Nos primeiros 70 km os ciclistas rodarán por un terreo favorable e a carreira decidirase nos selectivos últimos 15 km. Os puntos quentes da xornada serán a Meta Volante de Bóveda (km 26), o Sprint Especial de Monforte (km 48) e o Premio da Montaña en Ferreira de Pantón (km 73). A chegada á liña de meta está prevista ás 19:30 horas.

No 2019 os campións de Galicia das categorías máster masculinas foron Jaime Rivas nos máster-30, Rubén Fernández nos máster-40, Alfonso Fernández nos máster-50 e Manuel Prieto nos máster-60.