Coa intención de recuperar as sensacións que o equipo tivo antes da visita a Gipuzkoa e esquecer a mala segunda parte que realizou no José Antonio Gasca, na que foi varrido polo seu rival, o Peixegalego afronta o partido contra o Bada Huesca na Raña (20.00 horas).

O cadro marinense anda á procura do seu cuarto triunfo na campaña. Para ela, Javi Llorente terá a dúbida ata minutos antes do duelo de Juanchi Orellano. O base-escolta arxentino levou un forte golpe no oído o pasado mércores e non se exercitou cos seus compañeiros no resto da semana. Llorente agardará ata horas antes do enfrontamento para tomar unha decisión ao respecto da súa participación.

O colectivo de Marín fará especial fincapé no labor defensivo ante un equipo que lle xerou moitos problemas no xogo interior durante o partido da primeira volta. Cara ese aspecto foi orientado o traballo semanal, sobre todo tendo en consideración as carencias que amosou o bloque nese aspecto no seu compromiso máis recente.

Enfronte, o quinteto da Raña terá a un bloque inmerso na batalla pola permanencia despois de encaixar seis derrotas consecutivas. O Peixegalego espera a un adversario cun nivel de intensidade e necesidade máxima. Despois de gañarlle a Palencia na casa, os oscenses caeron contra Alcante, Valladolid, Cáceres, Granada, Gipuzkoa e A Coruña, o que os conducíu ata a décimo quinta praza, con sete triunfos, os mesmos que ten o Oviedo, cadro que marca as prazas de descenso actualmente.

O ambiente da Raña pode ser un factor influínte no desenvolvemento do duelo, como se demostrou na vitoria do Peixegalego contra o Granada de hai quince días. Os aragoneses non teñen ningún xogador destacado no apartado estatístico nos ránkings individuais da LEB Ouro, pero posúen homes de calidade contrastada como Fran Cárdenas, Dedovic, Grabauskas ou Skara.

Nota de prensa del Marín Peixegalego