O Marín Peixegalego buscará a sorpresa o próximo domingo na cuarta xornada da segunda volta, na súa visita ao Gipuzkoa Basket, un dos grandes candidatos ao ascenso ao remate da temporada (Polideportivo José Antonio Gasca, 18.00 horas).

Javi Llorente poderá dispoñer de tódolos seus efectivos, a pesar de que algúns deles padeceron molestias físicas ao principio da semana froito da acumulación dos minutos e esforzos da temporada.

O equipo afronta o duelo coa moral moi alta despois de derrotar ao Granada na Raña e rachar unha xeira de resultados negativos, o que lle permite manterse con vida na loita pola permanencia.

A metamorfose do colectivo despois dos últimos movementos no mercado permítelle executar un xogo máis dinámico e con máis variedade de recursos ofensivos, o que se está a plasmar nas anotacións dos últimos enfrontamentos. Desde que comezou a segunda volta, o cadro marinense mellorou notablemente a súa imaxe: competiu ata o final contra o líder, Valladolid, puxo contra as cordas ao Cáceres a domicilio e venceu ao Granada na Raña.

O cadro morracense deberá realizar un partido de máxima concentración nos dous lados da cancha e dun elevado nivel  de acerto ofensivo para bater ao quinteto dirixido por Marcelo Nicola. Os vascos veñen de gañar a Copa Princesa de Asturias contra o Valladolid a domicilio, o que pon de manifesto o seu potencial (ninguén gañara no que ía de temporada en chan vallisoletano). Ademais, é o conxunto coa mellor defensa de Ouro, o que se manifesta coa cifra de puntos encaixados, a máis baixa dos 18 participantes na Liga (único con menos de 1.400 puntos en contra).

O conxunto de Llorente deberá prestar atención aos lanzamentos exteriores de Dee, MVP da Copa, ou á capacidade para anotar en posicións próximas ao aro de Rozitis, un dos mellores xogadores de costas ao aro de Ouro.

No partido da primeira volta, o Gipuzkoa acabou impoñendo a súa lei no treito final, despois de que o Peixegalego ofrecese unha boa imaxe e realizase a mellor primeira parte da temporada na casa.

O equipo desprázase mañá sábado a terras vascas donostiarras por estrada.

Nota de prensa del Marín Peixegalego