O Paiosaco exerce de líder en Ribadeo

0
Ficha Técnica
RIBADEO FC: Hugo, Dani Prieto (73′ Aitor), Juanma, Martín, Yoel, Iván (65′ Jacob), Santi, Vicente, Rafa, Luki e Criss (54′ Poratti).

UD PAIOSACO: Dani, Bilal (60′ Iván Amor), Popi, Sergio, Zalo, Aythami, Pablo, Josiño (80′ Ventola), Chicho (67′ Manja), Diego (70′ Diego) e Juanma.

GOLES: (0-1) 65′ Diego.

ÁRBITRO: Gabriel Quintairos Rial (Colexio Vigúes), asistido por Elena Casal Fernández e David Sánchez Tierra. Amonestou aos locais Yoel (64′), Jacob (74′) e Martín (88′) e aos visitantes Diego (35′) e Sergio (51′)

INCIDENCIAS: Partido disputado no estadio Pepe Barrera de Ribadeo ante 250 espectadores.

Un gol de falta directa de Diego dalle os tres puntos ao Paiosaco. Os de Juan Riveiro son líderes invictos.

A visita do Paiosaco a Ribadeo era o partido agardado para os pupilos de Fiz Rodríguez, logo de ver truncada a boa racha de resultados a última xornada, tras caer derrotado en Betanzos e amosar unha imaxe pouco convincente. Pola súa parte, o Paiosaco logo de derrotar ao Viveiro no minuto 101, chegaba ao Pepe Barrera líder e invicto.

O encontro comezou con un gran ritmo. As mellores ocasións para ámbolos conxuntos chegaron no primeiro cuarto de hora. No minuto 6, o Paiosaco puido adiantarse por medio do leonés Pablo que tras unha gran galopada  obrigou a intervir a Hugo. Na seguinte xogada respostou o Ribadeo. Un centro medido de Luki foi rematado por Santi ao longueiro. Dous minutos despois, un remate do sempre perigoso Chicho tamén golpeou no longueiro ribadense.

Xa cos equipos máis asentados no campo a igualdade foi a nota dominante. Os dous equipos quixeron o balón, e xogárono con sentido. Santi no Ribadeo e Josiño no Paiosaco poñían criterio e intentaron en varias ocasións dar o último pase pero as defensas sempre se impuxeron e a primeira metade rematou sen máis ocasións de gol.

No reinicio seguiuse a mesma tónica, pero o Ribadeo foi quen de ter máis posesión e a entrada de Poratti deulle outro aire en ataque coa súa movilidade, pero non foi quen de crear o perigo desexado.

O Paiosaco non chegou a área ribadense ata o minuto 55, cando Chicho rematou de cabeza tras un saque de córner lixeiramente desviado. A seguinte ocasión clara foi a que decidiu o encontro para os da Laracha. Yoel cometeu unha clara falta ao borde da área e o capitán Diego executouna de forma maxistral superando a barreira e facendo inútil a estirada do focense Hugo.

Desde ese momento o Ribadeo intentouno de tódolos xeitos. Con tiros lonxanos, por medio de Jacob, pero o balón saiu desviado, e sobre todo por medio da posesión, pero algunhas veces o desacerto propio da precipitación, e outras a zaga visitante liderada por un imperial Zalo, fixeron que o esforzo ribadense non tivera premio.

Cando o partido xa esmorecía, no minuto 94 o Ribadeo tivo a mellor ocasión do partido. Un centro desde a banda esquerda foi rematado de cabeza por Vicente, obrigando ao meta Dani a realizar unha parada antolóxica. O rexeite recolleuno Poratti e de novo o xoven porteiro coruñés salvou o empate in extremis.

Así pois, os de Juan Riveiro saen reforzados no liderato da Preferente Norte, mentras que o Ribadeo ve freadas as súas aspiracións de achegarse á zona alta, a catro días de visitar ao Viveiro no derbi da Mariña. O Paiosaco recibirá ao Arzúa nun encontro de equipos da zona alta da clasificación.