O encontro estivo marcado polo cambio de dinámicas durante todo o partido e no que os locais lograron impoñer o seu ritmo no segundo e no último cuarto. Coas boas sensacións da anterior fin de semana na visita á pista do líder, pero coa necesidade de volver a gañar, o Obradoiro Silleda recibiu a un complicadísimo rival como é o cadro lucense.

Desde os primeiros minutos, os locais atoparon un bo dinamismo ofensivo, pero cada boa acción obradoirista era contrarrestada por un vertixinoso ataque visitante. Ían pasando os minutos e o encontro convertiuse nun festival ofensivo, chegando ao final do primeiro cuarto con empate no marcador (26-26).

No segundo cuarto, os obradoiristas foron freando as transicións do seu rival e lograron manter o acerto de fronte ao aro, logrando as primeiras vantaxes ao seu favor, índose ao descanso cun 51- 40 ao seu favor.

Á volta de vestiarios, o Estudiantes de Lugo Leyma Natura foi capaz de frear o ritmo ofensivo dos locais a través de continuos cambios defensivos entre defensas zonais e individuais, obrigando aos obradoiristas a parar o encontro para aclarar as ideas e tratar de manter o control do encontro.

Entrouse no último perído tras un triple sobre a bucina visitante que os puxo a tan só catro puntos. Pero cando mellor se atopaban os de Lugo, o Obradoiro Silleda foi capaz de volver a crecer dende a súa defensa, logrando dificultar cada ataque visitante e atopando confianza a través de rápidas transicións, volvendo así a ter o control do encontro. A pesar da vantaxe a favor dos obradoiristas, os lucenses non deixaron de pelexar ata o último minuto, pero a confianza local xa era moi alta e o acerto nos últimos minutos fixo que o Obradoiro Silleda lograse certificar a décima vitoria da tempada por un 95 a 80.

Os parciais por cuartos foron: 26-26, 25-14, 18-25 e 26-15.

Por parte do Obradoiro Silleda anotaron: A. Pérez (7), G. Jofresa (10), M. López (-), S. Eggertsson (15), R. García (20), V. Villadoniga (6), M. Fernández (6), M. Paz (-), A. Sow (9), J. Cal (4), E. Melini (12) e G. Arejolaleiba (6).

http://competiciones.feb.es/estadisticas/Partido.aspx?p=2101742&med=0

O próximo sábado, o Obradoiro Silleda viaxará ata Ávila para enfrontarse ao Ávila Auténtica- Carrefour “O Bulevar” (19:00 horas).