O Obradoiro Silleda recibiu no pavillón César González Fares a un USAL La Antigua de Salamanca que viña de gañar na súa pista ao Universidad de Valladolid.

Os locais entraron en partido cun xogo moi sólido, freando o 1×1 rival e sendo capaces de atopar boas posicións de tiro que lles fixo lograr as primeiras vantaxes cun 12-4 de saída. Aos poucos, os de Salamanca empezaron a atopar mellor ritmo ofensivo, logrando varias canastras preto de pintura para ir reducindo as vantaxes.

Entrouse nun segundo cuarto no que as forzas parecía que se igualaban por completo. Os obradoiristas mantiñan a vantaxe pero non lograban as porcentaxes necesarias para aumentar a súa distancia no electrónico. O desacerto en situacións cómodas preto da pintura e desde o tiro libre, facía que o USAL La Antigua se mantivese moi preto ao chegar ao descanso (39-34).

Tras o paso polo vestiarios a dinámica continuaba. O Obradoiro Silleda mantiña unha boa circulación de balón pero cunha falta demasiado grande de acerto. Aos poucos estas porcentaxes foron subindo e os locais lograron por fin no último cuarto, dar o golpe final para rematar de romper o partido. Desta forma, o Obradoiro Silleda pechou cun gran último cuarto unha nova vitoria fronte a un durísimo rival por 93-73.

Os parciais por cuartos foron: 21-15, 18-19, 23-22 e 31-17.

Por parte do Obradoiro Silleda anotaron: A. Pérez (20),  G.  Jofresa (14),  B. Losada (6), M. López (2), S.  Eggertsson (14), V.  Villadoniga (2), M. Fernández (11), M. Paz (-), A.  Sow (8),  J. Cal (14),  G. González (-) e  G.  Arejolaleiba (2).

A próxima fin de semana, o Obradoiro Silleda viaxará ata Valladolid na súa primeira saída fóra de Galicia, nun encontro que se celebrará o domingo ás 12:30 horas, co obxectivo de manter a boa dinámica de resultados.

http://competiciones.feb.es/estadisticas/partido.aspx?p=2101669&med=0

Nota de prensa del Obradoiro Silleda