• O Obradoiro Silleda recibiu na súa pista a un dos grandes favoritos ao ascenso a LEB Prata: o Ávila Auténtica-Carrefour “El Bulevar”.

Os abulenses chegaban a Silleda cun refacho de tres vitorias consecutivas, e todas por máis de vinte e cinco puntos de diferenza. O encontro foi un incrible duelo no que os obradoiristas conseguiron a vitoria nos instantes finais.

O encontro comezou cos visitantes cargando no seu xogo interior e os locais castigando a defensa visitante con moita verticalidade no 1×1, dende fóra cara dentro.

As primeiras vantaxes foron locais, logrando ademais castigar ao seu rival forzando faltas persoais en xogadores importantes. A partir deste intre, o Ávila Auténtica-Carrefour tentou subir ao máximo o nivel físico do partido, presionando constantemente a toda pista para obrigar aos locais a reducir a súa circulación de balón. O plan funcionoulles e reduciron a vantaxe para irse ao descanso cun 43-37 no electrónico.

Á volta dos vestiarios, chegou o mellor momento do Obradoiro Silleda grazas a un gran nivel defensivo e ao acerto exterior. Así, os locais lograron volver a controlar o ritmo de xogo e chegar a poñerse ata dezaseis puntos arriba.

A pesar de todo, os de Ávila non se foron do partido e volveron engarcharse a través dunha fortísima presión a toda pista e ao acerto dende a liña de 6,75. Cando quedaba menos de un minuto, os visitantes puxéronse a tan só catro puntos, pero nos derradeiros segundos, os obradoiristas amarraron puntos dende a liña de tiros libres e pecharon o seu aro para sumar a cuarta vitoria da tempada ante un durísimo rival (86-84).

Por parte do Obradoiro Silleda anotaron: A. Pérez (5), G. Jofresa (10), B. Losada (6), M. López (-), S. Eggertsson (15), V. Villadoniga (3), M. Fernández (30), M. Paz (2), A. Sow (9), J. Cal (3), G. González (-) e G. Arejolaleiba (3).

Os parciais por cuartos foron: 22-16, 21-21, 22-17 e 21-30.

A próxima fin de semana, o Obradoiro Silleda visitará a pista do Santo Domingo de Betanzos, o domingo a partir das 17:00 horas, co obxectivo de manter o seu bo momento de xogo.

Nota de prensa del Monbus Obradoiro