O morañés Abel Barros e a estradense Isabel Saez gañan a corenta edición do Maratón San Antón de Cuntis

0
  • Patrocinada por Termas de Cuntis, a proba tivo catorce categorías, tanto femininas como masculinas, e congregou a uns 500 corredores profesionais e afeccionados de Galicia, León, Asturias, País Vasco e Portugal
  • Pódense consultar todos os resultados en www.maratonsananton.org

A corenta edición do Maratón San Antón reuniu en Cuntis o pasado domingo, 25 de agosto, a aproximadamente uns 500 participantes, entre eles 110 deportistas inscritos nas categorías absolutas femininas e masculinas. Tanto profesionais coma afeccionados do atletismo procedentes de toda Galicia, León, Asturias e o norte de Portugal acudiron a esta proba organizada pola Asociación Deportiva Maratón San Antón e patrocinada polo Balneario Termas de Cuntis.

A carreira absoluta, que congregou aos participantes das categorías superiores –promesas, senior, pre-veteranos, veteranos e avós– deu comezo ás 19:00 horas nas inmediacións do balneario e desenvolveuse ao longo de 9,8 quilómetros. Os atletas percorreron o centro histórico da vila termal, a contorna rural do paseo fluvial e parroquias próximas á vila.

O primeiro en atravesar a liña de meta foi Abel Barros González, de Moraña, que obtivo unha marca de 34’ 28”. Manuel Vieites Carballo e Jordi Carrasco Núñez, con 35’ 09” e 36’ 28” respectivamente, foron o segundo e terceiro clasificados.

Na sección feminina, a estradense Isabel Saez Batallán rexistrou un tempo de 43’ 03” liderando o primeiro posto por diante de María del Mar Arzúa Borrazas (43’ 37”) e Ángeles Iglesias Santiago (43’ 59”).

Pero antes, ás 17:00 horas, celebrouse a  carreira das categorías inferiores –bebés, andantes, críos, benxamíns, alevíns, infantís e cadetes–, na que participaron máis de 200 rapaces. Ao remate entregáronse os trofeos aos primeiros clasificados e numerosos galardóns a todos os participantes.

Un dos organizadores da carreira, Alfonso Iglesias, indicou que a carreira foi un éxito, en boa medida debido ao bo tempo “que axudou a ter máis afluencia de público e de corredores”, tanto maiores como pequenos que recibiron ademais dos trofeos as bolsas conmemorativas de Termas de Cuntis, que incluían uns contos infantís.

Nota de prensa de Vía Láctea Comunicación