O Marín visita Cáceres en busca de romper a mala dinámica de resultados

0
Foto: Carlos Domarco

 

O Marín Peixegalego viaxou este xoves a Cáceres para enfrontarse este venres ás 21.00 horas (Pabellón Ciudad de Cáceres) a un histórico do baloncesto español. Javier Llorente poderá dispoñer de tódolos seus efectivos para intentar dar a sorpresa nunha complicada cancha.

O bloque marinense chega ao partido nunha dinámica negativa de resultados, despois de catro derrotas consecutivas e con só dous triunfos, pero con mellores sensacións que en semanas precedentes, despois de realizar un partido notable contra o líder da competición, o Valladolid, ao que dominou durante tres cuartos do enfrontamento do pasado sábado.

A chegada de Sangone Niang actuou como revulsivo para un equipo que grazas á achega do base franco senegalés dispón de máis variedade de recursos no xogo exterior e mellorou as súas prestacións nos lanzamentos exteriores. O crecemento semanal de Álex Mazaira está a ser outro dos factores que está a pemitir ao colectivo marinense dar un salto de calidade para volver ser competitivo nos seus duelos.

Coa permanencia a catro victorias de distancia, a escadra de Llorente espera poder realizar un encontro perfecto nos aspecto defensivo, no que mellorou notablemente fronte a Valladolid, e ter regularidade en ataque, especialmente nos lanzamentos libres, nos que está a amosar unhas porcentaxes que complican as súas opcións de loitar polos triunfos.

Enfonte, o Peixe atopará a un histórico do baloncesto español, o Cáceres Patrimonio de la Humanidad, equipo situado na zona media da táboa, mergullado na loita polas prazas de play-off cun balanzo de 9-9. 

O bloque estremeño vén de gañar con autoridade no seu desprazamento a Huesca e dispón dun plantel con variedade de recursos, especialmente no xogo exterior, no que dispón de elementos moi consolidados na liga e mesmo en categoría superior, como Ricardo Uriz, aínda que tamén presume de homes poderosos no xogo interior, como Arkeem Joseph, o seu home máis valorado.