O Marín Peixegalego visita mañá á noite (21.00 horas, Barris Nord) ao Força Lleida co obxectivo de sumar a segunda vitoria da temporada para achegarse aos postos de salvación. O conxunto marinense afronta a cita despois de acumular catro derrotas consecutivas, a última na casa contra o COB despois dun enfrontamento no que o bloque de Llorente foi quen de competir ata o último cuarto, cando a falta de frescura provocada polas escasas rotacións acabou sendo unha lousa demasiado pesada para os intereses do colectivo.

O bloque marinense recupera a varios efectivos para a cita de mañá. O técnico poderá botar man de Taiwo Bamdus, baixa ante o COB por un golpe no xeonllo do que xa parece recuperado. O irlandés comezou adestrar co colectivo o pasado mércores, ao igual que Romone Saunders, retornado de Estados Unidos, onde debeu viaxar para renovar o visado. O escolta aínda arrastra molestias no nocello produto dunha escordadura que padeceu hai dúas semanas, pero poderá achegar o seu grao de área na rotación do colectivo.

A única baixa do cadro marinense é a de Álex Mazaira, que xa empeza a realizar actividade física, no treito final da recuperación da operación de abdome á que se viu sometido.

O encontro fronte ao Força Lleida abre un mes moi importante para o cadro de Llorente, no que se medirá a bloques da zona media e media baixa da categoría que calibrarán as súas verdadeiras posibilidades de pelexar pola permanencia.

O Lleida comparece á cita despois de cinco derrotas consecutivas, situado na zona fría da táboa con tres triunfos e oito derrotas, no límite das prazas de descenso. Ese feito propiciou a rescisión de contrato do adestrador Jorge Senra, que seguirá vencellado á entidade catalá. No duelo de mañá será o segundo técnico, Jordi Guardia, o que se fará cargo da dirección.

O partido terá unha importante esixencia para os dos bloques. No apartado estatístico do cadro catalán destaca a presenza de Frederic Stutz, máximo encestador do seu conxunto e xogador que ocupa o terceiro lugar no ranking de valoración da categoría, con 18 créditos de media por partido, con 12,9 puntos e 8,5 rebotes de media por enfrontamento.

Nota de prensa del Marín Peixegalego