O Marín Peixegalego comeza a segunda volta da temporada no pavillón Municipal da Raña (20.00 horas) contra o Carramimbre Valladolid, actual líder da categoría.

O cadro dirixido por Javier Llorente poderá contar con tódolos seus efectivos para o enfrontamento de mañá. Poderá debutar o base Sangone Niang, fichado esta semana para substituir a Filip Toncinic, que decidiu poñer fin ao seu vencellamento coa entidade despois de dous meses defendendo as cores marinenses. A aparición do playmaker franco-senegalés ofreceralle máis opcións ofensivas ao colectivo, dada a súa facilidade para anotar.

O obxectivo do equipo da Raña é retomar a liña de xogo nos dous lados da cancha que conseguíu en citas anteriores e que abandonou nas contundentes derrotas contra Palencia e Alacante, onde ofreceu a súa peor versión da campaña.

O cadro de Llorente realizou especial énfase no traballo defensivo para poder ter opcións de competir polo triunfo contra un adversario que está en dinámica gañadora e que domina tódalas facetas do xogo, como demostra o seu liderado, amparado en catro éxitos consecutivos, contra rivais como Granada e Huesca a domicilio e Gipuzkoa, rival directo, na casa.

Frank Bartley, máximo anotador da LEB Ouro con preto de 18 puntos por encontro, lidera ofensivamente a un bloque cunha gran facilidade anotadora.

No partido da primeira volta, os pucelanos levaron o triunfo por 82-66.

CAMPAÑA DA SEGUNDA VOLTA

O club lanzou a súa campaña de abonados de metade de temporada, na que os afeccionados que o desexen poderán adquirir o seu carné polo 50 por cento do prezo do total do curso.

O abono adulto será de 55 euros, o xuvenil (7-18 anos), custará 30 euros. Os menores de 7 anos non pagarán.

O carné de colectivos especiais custará 35 euros.

O abono familiar inclúe dous treitos: para adultos, 45 euros e para xuvenís, 22 euros.

Nota de prensa del Marín Peixegalego