Foto: Sergio Mazuelas

 

O equipo dirixido por Javi Llorente intentará sorprender a un dos aspirantes ao ascenso á ACB, que vén de construir un equipo completamente novo despois de descender da máxima categoría do baloncesto nacional a pasada temporada.

O cadro de Javi Llorente afronta o duelo coa baixa segura de Álex Mazaira, que se someteu onte a unha intervención cirúrxica para solucionar un problema abdominal, feito que lle obrigará a estar afastado das canchas de baloncesto durante unhas tres semanas aproximadamente. Ademais, os azuis teñen as dúbidas sobre o rendemento de Juanchi Orellano, que se reincorporou aos adestramentos a semana pasada despois de estar varias semanas inactivo por unha escordadura de nocello, e Joel Hernández, que arrastra molestias nas costas nos últimos tempos que lle impiden dar o cen por cento do seu rendemento.

O cadro preparado por Javi Llorente afronta a cuarta xornada como pechacancelas, despois de perder as primeiras tres citas do curso contra conxuntos que están situados na zona alta da táboa, o Carramimbre Valladolid, o Cáceres Patrimonio de la Humanidad e o Covirán Granada.

A boa imaxe ofrecida no inicio do partido contra o Covirán Granada debe ser o camiño a seguir polo colectivo marinense, que intentará prolongar o seu mellor rendemento durante un maior tempo posible para poder ser máis competitivo e avanzar cara as primeiras vitorias do curso.

Enfronte, estará o bloque preparado por Marcelo Nicola, un histórico do baloncesto arxentino e europeo, que intenta conducir cara a zona nobre a un bloque reconstruido despois do descenso da pasada campaña.

O Guipuzcoa chega a Marín despois de dous triunfos e unha derrota. Caeu contra o Covirán Granada na primeira xornada, pero gañou as dúas últimas xornada como local contra Basket Coruña e Huesca. Intentará sumar o seu primeiro éxito lonxe da casa.

O bloque vasco non destaca especialmente en ningunha estatística colectiva. Encesta 67,7 puntos por encontro, polos 62 dos marinenses. O seu máximo anotador e Timmer, con 13,3 puntos por encontró polos 12,67 de Tai Badmus. Rozitis é o seu máximo reboteador e un dos seus máximos perigos. O veterán base Mikel Uriz é o seu mellor pasador, con 4 entregas de canastra por partido, lonxe dos rexistros de Carlos Noguerol, o director de orquestra do Peixe, terceiro mellor asistente tralas primeiras xornadas de LEB Ouro (6,33 por duelo).

Prensa Marín PeixeGalego