Foto: Carlos Domarco

 

O Marín Peixegalego intentará dar continuidade ás súas renovadas sensacións cunha vitoria contra o CB Granada no partido que o enfrontará ao equipo andaluz no pavillón municipal da Raña este sábado ás 20.00 horas.

Javier Llorente poderá dispoñer de tódolos seus homes se non se produce ningún contratempo na última sesión preparatoria que se levará a cabo o venres á tarde no mesmo escenario do partido. O técnico agarda a mellor imaxe do seu conxunto, a mesma que lle fixo poñer contra as cordas ao Carramimbre Valladolid, líder da competición, no último duelo na casa e que mantivo con vida á escadra ata os últimos intres do envite contra o Cáceres.

O club tamén agarda maior equilibrio arbitral na sinalización das faltas do que padeceu en terras estremeñas, onde as persoais a prol dun e outro conxunto estiveron desequilibradas de forma moi contundente a favor do bloque de Cáceres (31 a 16).

Co crecemento no apartado ofensivo das útimas dúas datas e a mellora de xogadores que viñan de atravesar un pequeno bache de xogo, o Peixegalego agarda rachar a súa xeira de cinco derrotas consecutivas que o mantén como pechacancelas da táboa de LEB Ouro, a catro triunfos da permanencia que marca o Oviedo.

A mellora nas porcentaxes do lanzamento exterior permitiron ao colectivo marinense crecer, pero o bloque debe agora retomar o nivel defensivo dos primeiros meses da liga para poder aspirar a triunfos.

Enfronte terá a un CB Granada moi irregular, lonxe das prazas de play-off e cunha soa vitoria de marxe con respecto aos postos de descenso, mercede a un balance de 7-12. A pasada semana puxo fin a unha xeira de cinco derrotas consecutivas batendo no seu feudo ao  Huesca (71-54).

No partido da primeira volta, o bloque de Pablo Pin bateu con autoridade ao Peixe por 83-56. O equipo granadino presume de ser o segundo mellor reboteador da competición, con 35,8 capturas por encontro, grazas en parte a achega de Earl Watson, xogador dunha gran potencia que ocupa o cuarto posto nese apartado estatístico, ao ser o cuarto home que máis rexeites obtén (7,47 por envite), dos cales máis da metade son en ataque (3,79). O xogo coral é a principal arma dun rival que intentará dar un paso de cara a permanencia en Marín.