A xornada comezará coa proba mini-sprint (10:00 horas), na que están inscritos máis de 60 deportistas que terán que realizar 300 metros de natación, 13 quilómetros de ciclismo e 2,5 de carreira a pe.

Na proba do circuíto masculina haberá dúas saídas. Ás 11:00 horas partirán os deportistas sen tempo de corte, mentres que a segunda (con tempo de corte) comezará ás 12:20 horas. Será unha proba moi disputada, con deportistas destacados coma Brais Canosa (Arcade Inforhouse), Gustavo Rodríguez (Tri-Penta Terras de Lugo), Marcos Ruiz (Tríatlon Ferrol), Luismi Velásquez (Tri-Penta Terras de Lugo), Pablo Pedrosa (Tríatlon Ferrol) ou Jacobo Martínez (Tríatlon Poio), entre outros.

Na categoría feminina (12:30), Cristina Torres (Mar de Vigo) defende a vitoria do pasado ano, pero terá grandísimas rivais coma Edymar Brea (Tri-Penta Terras de Lugo) Mónica Alarcón (NoSportLimit) ou Marta Barbeito (Náutico de Narón), entre outras. As e os máis de 170 participantes inscritos realizarán 750 metros de natación dende a praia de Panxón, 19,5 quilómetros de ciclismo e 5 de carreira a pe. A saída, transición e meta estarán instaladas na praia de Panxón.

O Circuíto Galego de Tríatlon está formado por cinco probas: Tríatlon Illas Estelas, Tríatlon Cidade de Pontevedra, Tríatlon Concello de Poio, Tríatlon do Miño e Tríatlon Concello de Arteixo.

2017. Cristina Torres (Mar de Vigo) e César Otero (Olímpico de Vedra) proclamáronse o pasado ano vencedores do I Tríatlon Illas Estelas, que reuniu a un total de 340 deportistas.