Foto: David Calzas na Carballeira de Baio, desde onde se fará a saída e a chegada do Duatlón das Letras.

 

Haberá competición individual e por parellas, así como unha andaina por unha zona moi fermosa do pobo e carreiras infantís. Así mesmo, rematarase con unha comida opcional na Carballeira de Baio.

Importante resaltar a proba por parellas, na que un dos participantes faría a parte de carreira a pé e o outro a parte de bicicleta, de cara a fomentar a participación de xente que non practique unha das dúas disciplinas.

 

DAVID CALZAS: «O CIRCUÍTO TEN ALGO DE TODO, É MOI ENTRETIDO E BONITO»

David Calzas (Tines, Vimianzo) non necesita presentación no mundo do duatlón, pero para os despistados diremos que é subcampión galego e terceiro a nivel estatal. Días pasados veu coñecer o circuíto polo que vai transcorrer o «Duatlón das Letras na Vila de Labarta» e deixounos as súas impresións.

– Duatlón das Letras (DL): Unha vez que fixeches todo o circuíto, que opinión che merece a nivel técnico? É para profesionais ou adáptase a todo o mundo?
– David Calzas (DC): Desde o meu punto de vista o circuíto é asequible para todo o mundo, desde xente que quere empezar neste mundo do duatlón ata os máis veteranos do duatlón cross, porque ten algo de todo, combina zonas de asfalto con outras máis de monte, incluso de lama. É entretido e moi bonito.


– DL: Xa que falas de que é bonito, unha das cousas que máis coidou a organización é que, á parte da competición en si, tamén primase o entorno, que che parece a nivel paisaxístico?
– DC: Como che dicía o circuíto ten zonas moi bonitas, como son os sendeiros antes de facer a subida ao Monte Castelo, ou o camiño pola beira do río Grande ata a Carballeira.


– DL: Animarías, logo, á xente a participar?
– DC: Eu animo a todo o mundo a participar porque cando hai xente que se anima a facer estas cousas a mellor maneira de agradecerllo é participando, cada un no seu nivel e competindo contra un mesmo. Cada un pode poñer o seu ritmo e polo tanto facelo máis duro ou un simple paseo.


– DL: Xa para os que vaian competir de forma máis seria, ti onde cres que pode estar a clave da proba, en que puntos se pode decidir?
– DC: Tanto o circuíto a pé como o de bici non son rápidos, polo tanto as diferenzas entre corredores e ciclistas van estar moi igualadas, aínda que os ciclistas poden estar máis favorecidos.


– DL: Pois moitas grazas, David, por facer esta proba con nós e, xa que che queda practicamente ao lado da casa, agardamos contar contigo. Non sei se queres dicir algo máis para rematar…
– DC: Pois nada, simplemente dicir que todo o mundo a entrenar e a apuntarse que eu non a penso perder!!!