Foto: Carlos Domarco

 

Ourense, 20 de febreiro de 2019.- A presentación deste evento deportivo tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o concelleiro de Deportes de Xinzo de Limia, Luis Miguel Gil; o alcalde de Sandiás, Felipe Traveso; o delegado provincial da Federación Galega de Atletismo, Ángel Fidalgo; o xerente do Hipódromo de Antela, Jorge Vázquez; e o director deportivo da Asociación Deportiva Limiactiva, Óscar Gómez.

A Deputación de Ourense colabora con este evento deportivo que pretende converterse co tempo «nun dos mellores eventos atléticos do noroeste de España», sinalou Rosendo Fernández, quen felicitou á asociación Limiactiva por organizar esta actividade que «fomenta a práctica do deporte, dinamiza o territorio e contribúe a poñer en valor infraestruturas como o hipódromo de Antela».

O I «Cros de Antioquía»,organizado pola Asociación Deportiva Limiactiva, contará con «preto de 200 participantes con carreiras para tódalas categorías, desde sub 10 ata absoluta, e comezará a partir das 10.30 horas, rematando coa categoría absoluta que será a máis numerosa», explicou Óscar Gómez. Os percorridos varían por categoría e van desde os 1.000 metros de distancia aos 6.000 metros. Os interesados en participar teñen de prazo para inscribirse ata mañá a través da páxina web www.carreirasgalegas.com.

Foto: Carlos Domarco

Pola súa parte, o concelleiro de Deportes de Xinzo de Limia dixo que é un evento que nace «nunha datas moi significativas para a nosa terra, durante o Entroido, e nunhas instalacións magníficas para acoller unha proba de cros», e engadiu que «somos a capital do deporte como vila en moitas competicións e berce de bos atletas». Neste mesmo sentido, o alcalde de Sandiás dixo que desde o seu concello «sempre pretendemos fomentar o deporte e máxime cando se celebra no noso municipio» e convidou a todo o mundo a asistir a este evento do que «gozarán os participantes pero tamén o público».

Este primeira proba, «comezo dunha longa serie de cross, será a proba de fogo para comprobar as instalacións e o noso nivel organizativo, cunha carreira masculina moi numerosa con máis de 150 participantes co cal veremos como responde o terreo», sinalou Ángel Fidalgo. En canto ao hipódromo de Antela o seu xerente destacou a capacidade destas instalacións «porque o concepto de hipódromo a nivel nacional e internacional non só se dedican ás actividades ecuestres, senón que teñen que ter tamén unha acción social máis directa sobre toda a poboación e o de Antela recolle as condicións especiais para acoller este tipo de probas».