O ex-xogador do Real Madrid, Miguel Ángel, Premio Ourensanía 2017

0
  • O presidente da Deputación de Ourense destacou no acto, celebrado no Teatro Principal, que o exfutbolista do Real Madrid e da Selección «exerce de ourensán e non esquece as súas orixes. A súa nobreza acompañouno na súa carreira, deixando patente a súa clase persoal e deportiva en todo o mundo».
  • Baltar anunciou que as Copas Deputación de fútbol pasarán a denominarse «Copa Deputación Miguel Ángel», e que manterá conversas coa Peña Madridista «Miguel Angel» «para que os recordos da súa carreira futbolística sexan musealizados».
  • O galardoado dixo recibir este premio «emocionado e agradecido», «porque ser de Ourense sempre é gañar, e anque subir a un escenario, para min, é máis difícil que parar un penalti, neste instante doulle as grazas ao deporte a todos por vivir este gran momento».
  • O presidente da Xunta afirmou que Miguel Ángel «está no Olimpo deportivo e sempre conservou a súa ourensanía, ese carácter aberto, esa conquista pacífica e afectiva coa que dialogamos con todo o mundo».
  • O xurado do premio ditaminou concederlle o galardón a Miguel Ángel por ser «un dos deportistas que acadou máis altas cotas de recoñecemento na historia do fútbol español».

O exfutbolista ourensán Miguel Ángel González Suárez recibiu hoxe, día de san Martiño, o VII Premio «Ourensanía», un galardón que concede a Deputación de Ourense como recoñecemento honorífico a aqueles ourensáns ou persoas vinculadas á provincia de Ourense que teñen destacado nas súas facetas profesionais, sociais ou intelectuais. No acto oficial de entrega do galardón, celebrado esta mañá no Teatro Principal de Ourense, que contou, ademais do galardoado, coa participación do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, o titular do goberno provincial destacou que Miguel Ángel «é un exemplo do mellor Ourense, exerce de ourensán, non esquece as súas orixes e as predica sempre con orgullo», remarcando o seu carácter «de home agradecido coa súa terra e coa súa xente».

Manuel Baltar subliñou «a nobreza, a grandeza e a sinxeleza de Miguel Angel, aspectos que o acompañaron durante a súa carreira no Real Madrid, deixando patente a súa clase persoal e deportiva nos mellores campos de fútbol do mundo».

O presidente da Deputación lembrou o alcume de Miguel Ángel, «el Gato», polas súas especiais calidades como gardameta, «ese Gato que tamén é o símbolo da banda de rock nacional de máis éxito: Los Suaves, a quen entregamos hai poucas semanas a Medalla de Ouro da Provincia de Ourense», e dixo que Miguel Ángel foi tamén «precursor da galeguización, formando parte dunha campaña en favor da nosa lingua, na que colaboraron nos anos oitenta outros galegos como Fernando Rey, Camilo José Cela, José María Calviño, Adolfo Domínguez, Rosalía Dans e Álvaro Pino. Un compromiso de Miguel Ángel coa nosa terra e a nosa lingua; el quere a Ourense e Ourense o quere a el».

No seu discurso, Manuel Baltar anunciou que as Copas Deputación de fútbol pasarán a denominarse a partir da próxima temporada «Copa Deputación Miguel Angel», «para que a súa pegada sexa aínda máis forte nas vindeiras xeracións de ourensáns», e asemade, engadiu que manterá conversas coa Peña Madridista «Miguel Angel» «para que os recordos da súa carreira, eses tesouros futbolísticos, sexan musealizados para o goce dos ourensáns e de quen nos visite. Para un Miguel Angel eterno», expresou Baltar.

O presidente do goberno provincial destacou no seu discurso «a aqueles ourensáns xa falecidos que tamén homenaxeamos desde o xurado da Ourensanía: este 2017, dedicado a Rodolfo Prada Chamochín, persoa capital na Galicia da emigración, axitador cultural e político, valedor de Castelao; e 2018, que será o ano de Xosé Ramón Fernández-Oxea «Ben-Cho-Sey», escritor, mestre, investigador, humorista e literato, coñecido pola maior recolleita feita sobre o barallete, a fala dos afiadores».

«Ourense é Cultura -salientou Manuel Baltar-, como a que poñen de manifesto fundacións como a «Carlos Velo» ou a «Blanco Amor», apoiadas e promovidas desde o goberno provincial. Cultura como os cen anos que cumprirá en 2020 a Revista Nós, auténtico referente identitario non só de Ourense senón de Galicia, e aí estará a Deputación de Ourense para celebralo como se merece». E rematou destacando «un Ourense protagonista no que creemos, a capital do Reino Suevo de Galicia, o primeiro Estado de Europa, tema sobre o cal inauguraremos o vindeiro 14 de decembro a exposición máis potente que se lembre sobre esa etapa histórica», dixo Manuel Baltar.

Pola súa banda, Miguel Ángel, quen recibiu de mans do presidente da Deputación o premio, consistente nunha figura de bronce do escultor Xosé Cid, expresou o seu agradecemento á Deputación de Ourense a ao seu presidente, afirmando que se sinte «emocionado e agradecido, porque ser de Ourense sempre é gañar, e anque subir a un escenario a falar, para min, é máis difícil que parar un penalti, neste instante doulle as grazas ao deporte a todos por vivir este gran momento». No seu discurso, Miguel Ángel tivo palabras de lembranza e agradecemento para Luis Soria, o seu primeiro adestrador e que fixo posible que chegase ao Real Madrid, e tamén para os seus excompañeiros Emilio Butragueño e o porteiro Agustín Rodríguez, ámbolos dous presentes no acto.

Miguel Ángel relatou que nas 18 tempadas que xogou no Real Madrid «sempre me gustaba cando se referían a min como «el ourensano Miguel Ángel», e afirmou sentir orgullo «de ter as mesmas raíces ourensás que moitos artistas e intelectuais da miña terra».

O presidente da Xunta de Galicia, quen clausurou o acto, dixo sentirse «orgulloso e identificado con esta homenaxe», expresou que Miguel Ángel «está no Olimpo deportivo e sempre conservou a súa ourensanía, ese carácter aberto, a conquista pacífica e afectiva coa que dialogamos con todo o mundo», afirmou Alberto Núñez Feijoo.

O acto, presentado polo xornalista Juan Maceiras, contou coa presenza de destacados persoeiros do ámbito do deporte, como os exfutbolistas Emilio Butragueño, director de Relacións Institucionais do Real Madrid; Agustín Rodríguez, Francisco «Lobo» Carrasco e Juan Señor, e o presidente e directivos da peña «Miguel Ángel» e doutras peñas madridistas. Tamén se deron cita representantes institucionais, deputados provinciais, autonómicos e nacionais e representantes de entidades culturais e sociais.

Precisamente, Emilio Butragueño tivo emotivas palabras para Miguel Ángel destacando o apoio que recibiu por parte del cando debutou en 1984, «cando sendo eu moi rapaz entrei a formar parte daquel vestiario onde estaban as grandes figuras que eu coleccionaba nos cromos», e dixo que Miguel Ángel representa os valores que fixeron do Real Madrid un gran club de éxito: o respecto, o traballo en equipo, e o afán de superación, unidos á responsabilidade e á sensatez, signos do carácter de Miguel Ángel».

Na gala proxectáronse imaxes sobre a traxectoria profesional de Miguel Ángel, ademais de mensaxes de felicitación chegadas desde deferentes partes do mundo por parte de destacadas personalidades como Uli Stielike, Marco Rocha, Paco Buyo, Luis Soria, Roberto Carlos, Guti, Raúl, Fernando Hierro, Santillana ou Vicente del Bosque.

O apartado musical do acto contou coa actuación de Marem Ladson; da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, e da Coral de Ruada, que interpretou como peche da celebración «Ourense ao lonxe» e o himno oficial da Provincial de Ourense, «Ourense no solpor», de Manuel de Dios.

Acta do xurado

O xurado do premio Ourensanía, presidido por Manuel Baltar, ditaminou conceder o galardón a Miguel Ángel, o lenxendario porteiro do Real Madrid entre 1968 e 1986, «por ser un dos deportistas ourensáns que máis altas cotas de recoñecemento acadou como compoñente dalgunhas das formacións madridistas que forman parte da historia do fútbol español, chegando a participar como porteiro titular da Selección Española no campionato mundial de fútbol de Arxentina de 1978», recolle a acta do xurado.

«Natural do barrio do Couto, onde tiveron lugar os seus primeiros pasos no mundo do fútbol de base, Miguel Ángel ten sido, se cadra, o deportista ourensán que máis altas cotas de recoñecemento ten acadado no ámbito internacional, recoñecementos que, sen embargo, nunca lle fixeron esquecer as súas raíces ourensáns, que aínda hoxe reivindica dentro e fóra de Ourense», destaca o xurado, subliñando a humildade e bonhomía que reflicte de forma cotiá Miguel Ángel no seu contacto co fútbol base ourensán, «razón pola que no seu momento xa lle foi imposto o seu nome ao campo de fútbol do pavillón dos Remedios».

A acta do xurado tamén recolle que, continuando coa liña iniciada o ano pasado, «de saír ao rescate de determinadas figuras senlleiras da ourensanía que xa non están connosco e que, sen embargo, son merecentes de seren devoltas á actualidade por mor do legado social ou cultural que nos deixaron, o xurado tomou a decisión de declarar o ano 2018, ano de Xosé Ramón Fernández-Oxea «Ben-Cho-Shey» (1896-1988), coincidindo co 30 cabodano do seu falecemento».

«Mestre e etnógrafo de referencia para moitos profesionais do ámbito da pedagoxía e da antropoloxía, o seu obrigado desterro en Madrid converteuno nun verdadeiro embaixador da cultura galega na capital, onde serviu ademais de faro intelectual para moitos mozos que espertaron ao galeguismo ao seu carón naquela cidade», sinala o xurado.